Condenan o CC Carrefour de Lugo por atentar contra o dereito á conciliación laboral e familiar dunha traballadora
O Centro Comercial Carrefour de Lugo vén de ser condenado a indemnizar a unha traballadora por atentar contra o exercicio do seu dereito á conciliación laboral e familiar. A empresa, explican dende a sección sindical da CIG, decidiu unilateralmente e de forma represora reducirlle a xornada a esta traballadora, despois que esta se negara a un cambio de horario que lle impedía poder exercer os seus dereitos como nai.
"Na práctica, imposibilitábaselle ver as súas crianzas durante toda a xornada, despois de deixalas no colexio", apunta a secretaria comarcal da CIG-Servizos, Cristina López. Como reposta á negativa da traballadora a aceptar o horario, a empresa acordou reducirlle a xornada laboral, "coas negativas consecuencias que iso lle supuxo tanto de tipo moral como económico", denuncia.
"Entendemos que a práctica represora levada adiante polo departamento de Recursos Humanos a respecto desta traballadora amosa claramente a insensibilidade da empresa co exercicio dun dereito tan básico e importante como é o dereito á conciliación da vida familiar e laboral", asevera a sección sindical da CIG.
Estas actitudes represoras demostran a situación de discriminación que sofren as mulleres no mercado de traballo, "e amosan tamén a triste realidade da faciana machista dunha empresa multinacional como é Carrefour, faciana que despois intentan enmascarar baixo grandes campañas de publicidade".
Desde a Sección Sindical da CIG de Carrefour denuncian este comportamento machista por parte da empresa e convidan a todas as compañeiras "a non ceder ás presións e ameazas da empresa, e a defender os seus dereitos laborais, posto que só facéndolles fronte seremos capaces de derrotar estas actitudes miserábeis, indignas e insensíbeis".