Condenan a unha franquía de McDonald´s por cambiar a quenda dunha traballadora de baixa por risco no embarazo
O Xulgado do Social número 3 de Ourense condenou a unha franquía de McDonald´s a indemnizar a unha traballadora con 6251 euros por danos e prexuízos, ademais de declarar nula a modificación substancial das condicións de traballo, xa que a empresa pretendía modificarlle a súa quenda mentres se atopaba de baixa por risco no embarazo a pesar de que a ten recoñecida por sentenza de conciliación familiar.
Dende a Secretaría das Mulleres da CIG celebran a sentenza contra Madacries Restauración, empresa que ten o franquiado de McDonald´s en Ourense, concretamente no Centro Comercial Pontevella da cidade, ao que pertence esta traballadora.
Non é un caso illado, xa que a actitude e as prácticas do xerente e dono deste franquiado, Esteban Jesús Cuesta Martín, son un cúmulo constante de ameazas, coaccións, presións e agresividade física
“Non estamos a falar dun caso illado nesta empresa, xa que a actitude e as prácticas do xerente e dono deste franquiado, Esteban Jesús Cuesta Martín, -que rexenta ademais o outro centro de McDonal´s na cidade, en Fonsillón- son un cúmulo constante de ameazas, coaccións, presións e mesmo agresividade física, de maneira moi especial con mulleres, e persisten ao longo do tempo”, sinala a secretaria das Mulleres de CIG de Ourense, Xulia González Pascual.
Esta situación provocou que máis traballadoras tivesen presentado con anterioridade outras demandas perante o Xulgado do Social e a Fiscalía da Audiencia Provincial. “Actualmente, temos pendente o xuízo dunha nova demanda, tanto pola vía penal como polo Xulgado do Social, doutra empregada”.
Diante disto, dende a CIG apelan, unha vez máis, á matriz de McDonald´s España en Madrid para reclamarlle medidas cautelares contra o seu franquiado, “pedíndolle a retirada da titularidade de dita franquía para alguén tan insoportablemente déspota, machista e anti demócrata como é Esteban Jesús Cuesta”.
A secretaria das Mulleres da CIG-Ourense lamenta que situacións coma estas "acontezan continuamente, pois aínda existindo uns dereitos recoñecidos en materia de igualdade moitas empresas fan caso omiso da lei e non permiten conciliar”. En consecuencia, segue a existir unha altísima porcentaxe de denuncias individuais por despido de mulleres que se relacionan co embarazo ou coa maternidade.
“A pesares da Lei de Igualdade choven despidos nulos de mulleres embarazadas; existe certa repulsa empresarial á redución de xornada ou concreción horaria para conciliar, así como negativa das horas de lactancia, ben sexa en grandes ou pequenas empresas (Inditex, Gadis, Froiz, e un longo etcétera)”, indica González.
Diante disto, citica que continúe habendo empresas que non respectan os dereitos que as mulleres teñen adquirido, polo que deixa moi claro que a central seguirá a loitar para que as mulleres non se sintan na obriga de asumir que a maternidade é absolutamente incompatíbel cun traballo remunerado e en condicións dignas.
Loita polos dereitos
Finalmente, incide en que "seguiremos en primeira liña na defensa dos dereitos das mulleres traballadoras, e seguiremos esixindo, nas rúas e nos centros de traballo, unhas condicións laborais en igualdade de oportunidades, así como a fin da discriminación, do acoso, e das agresións. En definitiva, de todo tipo de violencias contra as mulleres ou nais, continuando, deste xeito, a campaña de denuncia das discriminacións por motivos de conciliación da vida persoal, laboral e familiar, e que a Secretaría das Mulleres intensificou e puxo en marcha no 2018”.
Neste senso, fai un chamamento a todas as mulleres para que cando detecten este tipo de prácticas que vulneran os seus dereitos “denuncien e loiten polos seus dereitos dende o minuto un, dereitos que moito tempo e traballo nos custou conquistar”.
Finalmente, dende a Secretaría das Mulleres da CIG de Ourense valoran que esta sentenza vaia acompañada dunha sanción económica, “pois deste xeito moitas empresas farán algo máis de caso e permitirán que as mulleres poidan conciliar, ou cando menos pensarano antes de poñer impedimentos inxustificados e negadores dos dereitos das mulleres; basta xa de que as empresas vulneren os dereitos das mulleres, e que ademais lles saia de balde”.