Condenan a unha compañía viguesa por acoso laboral a unha empregada embarazada
O Tribunal Supremo (TS) vén de confirmar a multa imposta pola Inspección de Traballo a Termocalor, compañía viguesa de calefacción, climatización e enerxías renovábeis, polo acoso laboral ao que foi sometida unha traballadora a raíz de anunciar que estaba embarazada. Dende a CIG lembran que son moitas as mulleres que teñen que padecer situacións similares cando deciden ser nais e salientan que neste caso logrouse unha resolución “histórica” pola valentía da afectada, a pericia das inspectoras de traballo e a colaboración dos seus compañeiros/as na empresa.
A secretaria de Organización da CIG-Industria, Mercedes Domínguez, a traballadora afectada, Patricia Estévez, e avogada da central que levou o caso, Patricia Mariño, compareceron este luns en rolda de prensa no local da CIG de Vigo para ofrecer os detalles dunha sentenza que ratifica a emitida con anterioridade polo TSXG, despois de que a empresa intentase recorrer xudicialmente a sanción administrativa de 20.000 euros.
Coa súa decisión, o TS recoñece a veracidade dun acoso laboral por razón de xénero entre os anos 2008 e 2010, situación que continúa hoxe en día “pero que dun xeito algo máis relaxado, aínda que non cambiou substancialmente”. Asesorada pola CIG, logrou que lle restituísen o horario e agora traballa só de mañá, que recoñecesen como enfermidade laboral a baixa por ansiedade que tivo que coller e que a indemnizasen con 3000 euros por danos e prexuízos.
Segundo relatou a propia afectada, todo comezou cando lle comunicou ao seu xefe, Ramón Argudín, que estaba embarazada da súa miña primeira filla. “O primeiro que me dixo foi <<bueno, tú conoces tus responsabilidades y yo las mías>>; esa foi a súa noraboa”, lembra a traballadora. Cos compañeiros homes a actitude era ben distinta, xa que era felicitados pola súa paternidade “e mesmo recibían agasallos”.
O acoso iniciouse xa co primeiro embarazo, pero agravouse dous anos despois cando decide ser nai por segunda vez e optan por cambiarlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución a xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde). “Para min era imposíbel, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender as crianzas pola tarde; non me daba tempo a comer nin a coidalas, polo que acabei cun estrés enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller unha baixa”.
Recluída nun antigo almacén
Patricia Estévez explica que dende que se quedou embarazada a primeira vez aguantou de todo. “Antes de coller a primeira baixa tiven que formar a unha persoa para que me substituíse, e cando regresei atopeime con que quedaba no meu posto; a min mandáronme para un cuartucho que antes tiñamos de almacén, no que colocaron unha mesa, o ordenador máis vello da empresa e un teléfono portátil que deixaban ou quitaban dependendo de se me facía falta ou non”.
Ademais, o empresario comezou a dirixirse a ela, e así llo dicía aos seus compañeiros/as, como “esa chica”, “la chica”, “esa persona”, “la persona”, “tu compañera”, “la compañera de la derecha”, e con outras expresións dese tipo. “Non pronunciaba o meu nome nin me trataba con respecto; a partir de aí todo foi en picado”, até o punto de que mesmo a deixaron practicamente sen carga de traballo
Foi cambiada varias veces de posto e de ubicación, e mesmo a recolocaron no despacho de enxeñería técnica, que modificado polo xefe, “entre el e o seu fillo, no medio dos seus despachos, para illarme totalmente e que ninguén puidese falar comigo”. Tamén pechaban a porta da zona de administración, na que ela traballa, para impedirlle que usase o baño de mulleres e tivese que usan os operarios.
Presións para que abandonase a empresa
O empresario propúxolle que marchara da empresa, pero non quería pagar indemnización e pretendía que ela mesma renunciara ao seu posto. “O obxectivo deste comportamento sempre é este”, apunta a avogada. Mariño explica que cando a traballadora se presentou no local do Porriño e a pasaron coa asesoría xurídica para denunciar o seu caso , “non dábamos crédito a que esa situación se estivese a dar, pero ela dicía que se sentía capaz de aguantar, algo incríbel porque cada día había un episodio distinto”.
Considera que foi quen de resistir porque é unha muller forte, valente e capaz, e porque contou co apoio da central sindical. “Incluso existindo a posibilidade de perder o emprego, xa que este medo é común a todas as mulleres traballadoras que se achegan á CIG cando deciden ser nais”.
Ao mesmo tempo, quixo deixar moi claro que a traballadora non fixo absolutamente nada que xustifique a actitude do dono da empresa nin cometeu neglixencia ningunha, senón que o que lle sucede é consecuencia directa única e exclusivamente de atreverse a ser nai, e por partida dobre; “este señor non entendía que as baixas ou as reducións de xornada por maternidade son dereitos que temos adquiridos, dereitos que moito tempo e traballo nos custou conquistar”, sinala.
Lembrou que situacións coma esta acontecen continuamente, e que o excepcional deste caso é que a traballadora se decidiu a contalo e a denunciar. “É unha pena que non haxa máis mulleres dispostas a facelo que se acheguen á CIG para que as poidamos axudar” e lamenta o feito de que “a maiorías da mulleres teñan asumido que a maternidade sexa absolutamente incompatíbel cun traballo remunerado”.
Importancia da loita pola igualdade
Pola súa banda, Mercedes Domínguez explicou que son moitas as mulleres que pasan polos locais da central para trasladar problemáticas similares, pero son poucas as que chegan á asesoría xurídica para presentar unha denuncia. “Esta sentenza histórica foi posíbel pola determinación da afectada, pola pericia das inspectoras e pola colaboración dos compañeiros/as da traballadora, que ratificaron a súa denuncia”.
Pero por enriba de todo salientou o feito de que a afectada, “nese momento tan crítico da súa vida e contra todo prognostico, decidise que paga a pena aguantar, que pode esperar pola xustiza 10 anos e que pode seguir indo traballar e demostrar a súa valía; para lograr unha sentenza deste tipo precísase dunha muller que arrisque a súa saúde para defender a súa dignidade, unha muller á que hoxe tanto a CIG como o resto das mulleres temos que recoñecer e estarlle moi agradecida”.
Domínguez denunciou que naquela altura a Inspección de Traballo tiña unha unidade especializada no acoso por razón de xénero, que na actualidade xa non existe. “Ti hoxe pos unha denuncia deste tipo e chegan a dicirche que o que pasa é que é unha coitadiña que pon moi nervioso ao xefe, como cheguei a escoitar dun inspector de traballo”, critica.
Ademais, incidiu en que o que lle sucede a esta traballadora amosa que xornadas de loita como a do 8 de Marzo son cada vez máis importantes, e a participación de todas/os faise imprescindíbel “para esixir nas rúas e nos centros de traballo unhas condicións laborais en igualdade de oportunidades e a fin da discriminación, do acoso, das agresións, en definitiva, de todo tipo de violencias contra as mulleres polo feito de sermos mulleres ou nais”.
Finalmente, fixo un chamamento a todas as mulleres a secundar na folga de 24 horas convocada pola CIG este 8 de Marzo, e ao conxunto da clase traballadora a participar manifestacións que terán lugar durante a xornada.