Condenan a residencia de Sarria a indemnizar unha traballadora por vulneración do dereito de conciliación
O Xulgado do Social nº 2 de Lugo vén de condenar a Residencia Nosa Señora do Carme de Sarria por vulnerar o dereito de conciliación dunha traballadora, condenando ademais a a empresa a aboarlle a cantidade de 2500€ en concepto de indemnización polo danos causados.
No mes de xaneiro a residencia de Sarria, a través de escrito asinado polo seu presidente, o membro do Goberno municipal, Benjamín Escontrela, comunicoulle á traballadora a modificación do seu horario laboral, cando a empregada estaba desde o ano 2013 en situación de redución de xornada e gozaba dunha concreción horaria pactada co propio centro.
Tal e como reflexa a sentenza a modificación de horario feita de xeito unilateral pola residencia carecía de xustificación e ademais o horario que tiña a traballadora estaba suficientemente xustificado. Esta decisión obrigou a traballadora a ter que recorrer a unha excedencia para poder conciliar a súa vida laboral e familiar.
Actuacións arbitrarias por parte do Concello
A CIG considera verdadeiramente lamentábel que un organismo público dependente dunha institución, como é o Concello de Sarria, "utilice prácticas laborais de vulneración de dereitos fundamentais, actuando de xeito absolutamente arbitrario e a capricho, neste caso, dun concelleiro".
A residencia de Sarria, sinala o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, é desde hai anos fonte de continuos conflitos "que nesta última lexislatura foron a máis, sendo claramente deficiente a súa xestión, co agravante de ter sen cubrir o posto de dirección desde hai máis de ano e medio".
De xeito que estas funcións son asumidas "por unha traballadora afín a Escontrela, que non reúne nin requisitos nin coñecementos para xestionar o centro, e saltándose así desde o Concello os principios de mérito, igualdade e capacidade nunha responsabilidade da importancia como é a dirección dunha residencia de maiores".