Condenan a ETT Nortempo por non pagar indemnización por finalización dun contrato temporal
O Xulgado do Social número 2 de Ferrol vén de ditar sentenza pola que condena á Empresa de Traballo Temporal Nortempo S.L., e solidariamente a Industrias Cándido Hermida S.L., pola negativa a abonar a indemnización de 20 días por ano traballado que recolle o Convenio da Carpintaría e Ebanistaría da Coruña para os contratos temporais de duración superior aos 4 meses.
A importancia desta sentenza, destaca a Federación da Construción e Madeira da CIG-Ferrol (FCM-CIG), está no feito de obrigar á ETT a pagar a indemnización que establece o Convenio da Carpintaría e non a indemnización xeral por fin de contrato de 12 días por ano traballado.
"Dende a CIG sempre dixemos que a utilización das ETT por parte das empresas usuarias, como neste caso Industrias Cándido Hermida, é unha forma máis de explotación e de precarización dos traballadores e traballadoras, xa que ademais de ter a permanente incerteza sobre a continuidade ou non do seu contrato, non cobran o que lles corresponde á finalización deste", asevera o secretario comarcal da FCM-CIG, Marcos Sánchez.
Neste senso, Sánchez refírese á dificultade para calcular a cifra que deixaron de ingresar por este concepto os centos de traballadores e traballadoras que prestaron os seus servizos para Industrias Cándido Hermida a través de Nortempo, "pero podemos afirmar, sen trabucarnos, que son varios miles de euros".
Dificultades do persoal para denunciar
Dende a FCM-CIG advirten da dificultade que ten este persoal eventual á hora de reclamar ditas cantidades, "xa que de facelo é moi probábel que non os volvan chamar para traballar, do mesmo xeito que lles acontece se se negan a realizar as horas extraordinarias, a aceptar os cambios de quendas sen aviso, e un longo etcétera de abusos".
Porén, para a CIG o máis grave é a actitude do Grupo Cándido Hermida por permitir este tipo de actuacións, cando forma parte da mesa negociadora do convenio colectivo provincial e na última negociación este tema foi discutido.
Dende a FCM-CIG reiteran que continuarán a loitar contra os abusos cometidos polas ETT e as empresas usuarias como neste caso Industrias Cándido Hermida. "Seguiremos loitando contra a precariedade e loitaremos por que se cumpran os convenios colectivos", conclúe Sánchez.