Condenan á empresa de Augas do concello de Ames por vulneración da liberdade sindical
O xulgado do Social nº 1 de Santiago de Compostela, vén de emitir sentenza -contra a que cabe recurso- contra a Entidade Pública Empresarial Augas de Ames, EPEL, por vulnerar o dereito fundamental á liberdade sindical por non respectar a condición de representante sindical do delegado da CIG no Consello de Administración. O xulgado declara a “nulidade radical deste comportamento” e fixa unha indemnización de 7501 € netos para o delegado que representaba a CIG nesa empresa, e a mesma cantidade para o sindicato.
En xuño do 2023, o concello de Ames creou a empresa: Entidade Pública Empresarial Augas de Ames (EPEL) para xestionar o servizo municipal de augas dese Concello, tendo que subrogar as persoas traballadoras da empresa anterior que realizaba ese servizo. Persoal que contaba cun representante elixido nas eleccións sindicais.
Nos estatutos da empresa EPEL figura que o cargo de presidente do Consello de Administración desa empresa correspóndelle ao alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, do PSOE, como tamén se establece que lle corresponde ser membro ao delegado de persoal.
Segundo explica Antón Cebey, da CIG-Industria de Compostela, en abril do 2024, o alcalde de Ames, como presidente do Consello de Administración da EPEL, encomendoulle ao delegado de persoal da CIG na empresa, que convocase unha reunión co persoal para realizar unha votación para escoller o seu representante no Consello de Administración.
“En resposta, o delegado da CIG remite correo electrónico á Dirección da Empresa Pública EPEL, indicando que a condición de delegado xa estaba designado, que lle correspondía lexitimamente a el mesmo, pois fora elixido nas eleccións sindicais polo persoal da empresa, e que non cabía a posibilidade de elixir outra persoa que o substituíra no cargo, pois estaba vixente o seu mandato”, explica Cebey.
Votación fraudulenta
Malia isto, o 10 de maio do 2024 realizouse unha votación que non cumpría co marco lexislativo correspondente para a elección doutra persoa que exercera como representante do persoal no Consello de Administración.
Segundo o representante da CIG-Industria, “o resultado foi que saíu elixida outra traballadora distinta ao delegado de persoal da CIG, que era ao que lexitimamente lle pertencía”. Nesas circunstancias, a CIG e máis o delegado presentan ante a Inspección de Traballo denuncia por vulneración da liberdade sindical.
A CIG insta a que se recoñeza como lexítimo representante ao delegado elixido nas eleccións sindicais, remite acreditación como tal á empresa pero a notificación é rexeitada polo destinatario. O alcalde de Ames e presidente do Consello de Administración de EPEL , Blas García, dá por desistida a petición e, ante esa situación, a CIG vese na obriga de presentar unha demanda de tutela de dereitos fundamentais.
Como resultado desta demanda o Xulgado resolve condenar á empresa EPEL por vulneración da liberdade sindical por non respectar a condición de representante dos traballadores no Consello de Administración da empresa.
A sentenza resolve así o conflito, condenando a Augas de Ames EPEL, por impedir ao delegado de persoal electo pola CIG ocupar a praza que lle correspondía como membro do Consello de Administración da empresa. Ten en conta que os estatutos da empresa establecen no seu artigo 8 que o "delegado/a de persoal" é membro do Consello de Administración. A empresa, porén, negoulle o acceso ao cargo e obrigou a elixir un representante "ad hoc" diferente, alegando que a participación institucional non é parte do contido esencial da liberdade sindical.
O xulgado estima a demanda e declara que a empresa vulnerou o dereito fundamental á liberdade sindical do traballador e do sindicato. Chega a esta conclusión baseándose en que a expresión "delegado/a de persoal", utilizada nos estatutos só pode referirse ao representante legal dos traballadores regulado nos artigos 62 e seguintes do Estatuto dos Traballadores (ET).
Ten en conta, ademais, que os estatutos non establecen ningún procedemento para elixir a ese representante no Consello, o que indica que se refire ao xa existente na lei. Para outros membros do Consello (como as e os concelleiros), os estatutos si detallan o seu método de elección.
Xunto a isto apunta que as atribucións do Consello de Administración (como aprobar a masa salarial ou despedimentos) afectan directamente ao ámbito de representación legal das persoas traballadoras, polo que é lóxico que participe o seu representante legal. Ademais o artigo 9 dos estatutos establece que os conselleiros cesan cando perden a representación que ostentan, o que se axusta perfectamente ao cese do mandato dun delegado de persoal segundo o artigo 67 do ET.
Liberdade Sindical
A sentenza declara, xa que logo, que a empresa actuou ilegalmente ao denegar ao delegado de persoal o seu posto no Consello de Administración, vulnerando o dereito fundamental á liberdade sindical, e impón esta indemnización como reparación polos danos causados.
A CIG-Industria de Compostela considera que “o alcalde de Ames, Blas García, pretendía que non participara o representante da CIG no Consello de Administración e substituílo por unha persoa máis afín aos seus intereses”.
Esta sentenza “confirma que efectivamente era ilegal toda esta manobra que desde a CIG agardamos que non se volva a repetir”, conclúe Cebey.