Condenan a Medio Rural pola morte dun axente forestal nun incendio en Guntín
O xulgado do Social número 3 de Lugo vén de emitir sentenza pola que condena a Consellaría do Medio Rural pola ausencia de medidas de prevención na extinción dun incendio no Concello de Guntín no ano 2015 que lle custou a vida ao axente forestal, Enrique Casanova.
O xulgado considera que a Consellaría non actuou de forma dilixente na protección da saúde deste traballador que faleceu dun infarto cando acudía ao aviso dun lume. Cómpre lembrar que os e as axentes forestais traballan en solitario o que impide, tal e como se subliña na sentenza, unha asistencia inmediata "que é vital en casos como os dun infarto". A resolución destaca tamén o feito de que Enrique Casanova xa sufrira anos atrás unha cardiopatía, polo que tiña solicitado á Administración pasar a unha segunda actividade, atendendo ás recomendacións médicas e dado o estrés e as situacións de risco ás que se ven expostos estes traballadores e traballadoras.
Porén, a Consellaría do Medio Rural nin atendeu a súa petición nin lle fixo tampouco os recoñecementos médicos periódicos obrigatorios -e específicos na súa condición de especial sensibilidade-, malia telos solicitado o propio axente. Agora o xulgado recoñece a responsabilidade da Xunta neste accidente, incidindo en que "non se pode considerar que a Consellaría actuara de forma dilixente na protección da saúde do traballador".
A raíz deste suceso, a CIG demandou unha investigación para aclarar os feitos e presentou denuncia na Inspección de Traballo, que emitiu varios requirimentos e advertencias a Medio Rural para a mellora das medidas preventivas na extinción dos incendios forestais e a salvagarda da seguridade e a saúde dos traballadores/as que participan nestas tarefas.
Medio Rural segue sen mellorar as medidas de prevención e de seguridade
Disto hai xa case catro anos e, non obstante, neste tempo a Consellaría non adoptou ningún tipo de medida para garantir a seguridade do seu persoal. "A día de hoxe non temos plan de prevención, nin protocolos adecuados de evacuación nos incendios", denuncia a secretaria da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos. Neste senso, explica que o pasado venres houbo un accidente no lume do Boiro, pero como a ambulancia non conseguiu chegar até o lugar, "houbo que improvisar no momento como trasladar a persoa ferida".
A CIG leva anos demandando da Consellaría do Medio Rural a implantación de plans e protocolos para afrontar este tipo de situacións de risco, que no caso de axente falecido foi especialmente relevante ante a “evacuación desastrosa” (así cualifica o informe da Inspección) que se produciu. De igual xeito, a central sindical reclama que se evite o illamento do persoal que participa nos incendios e que, como mínimo, se traballe en parella e non en soidade como ocorre cos/as axentes forestais, condutores/as de motobomba ou persoal técnico.
Doutra banda, a CIG pide que se dispoña de servizos sanitarios desprazados nos incendios forestais para garantir unha rápida e eficaz asistencia médica. E por suposto, que se cumpra coa avaliación de riscos e se teña en conta a saúde do persoal en relación co posto que desempeña, contemplando unha segunda actividade para aqueles traballadores e traballadoras con antecedentes de saúde incompatíbeis cos labores de extinción.
"Desde a CIG levaremos este sentenza e os puntos que se resaltan nela aos comités de seguridade e saúde de Medio Rural e Extinción de Incendios para que se melloren as medidas preventivas na extinción e se eviten situacións futuras como as acontecidas no accidente do compañeiro Quique Casanova", conclúen.