Condenan a Autoridade Portuaria de Vigo por discriminar a unha delegada da CIG nun proceso interno
O Xulgado do Social número 5 de Vigo vén de estimar a demanda dunha delegada da CIG no comité de empresa da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) por vulneración do dereito de liberdade sindical. A sentenza anula o nomeamento resultante dun proceso de mobilidade funcional cuxos criterios cambiaron para deixar fóra á representante da central sindical, conculcando os principios de igualdade, mérito e capacidade.
O fallo xudicial condena tamén ao organismo público a abonarlle á afectada as diferencias salariais de todo o período que o traballador nomeado tras o proceso agora anulado estivo desenvolvendo funcións de superior categoría.
Dende a sección sindical da CIG na Autoridade Portuaria lamentan que esta actuación discriminatoria do organismo público contara tamén coa complicidade dos outros sindicatos con representación (UGT e CCOO). Xa que no momento en que a delegada da CIG era a candidata idónea para a ocupación do posto de superior categoría, cambiaron o criterio establecido para as mobilidades funcionais, desmarcándose do modelo de Xestión por Competencias regulado no III Convenio Colectivo, “permitindo o nomeamento a dedo e dilapidando así a obxectividade e os principios de igualdade, mérito e capacidade”.
Mais, tal e como denuncian, a conduta discriminatoria da APV para coas delegadas e delegados da CIG vén de lonxe. Neste senso, lembran que xa a mesma delegada denunciara e gañara anos atrás outra demanda de tutela por vulneración do dereito de liberdade sindical. “O feito estimado polo xuíz non é un feito illado, pois en procedementos posteriores foron varios representantes da CIG os que foron discriminados/as a pesar de ter o perfil máis próximo ao posto a cubrir”, sinalan.
Vulneración de dereitos
Por todo isto, dende a CIG instan o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, a actuar en consecuencia coa sentenza, e a poñer freo de inmediato a todo comportamento discriminatorio.
“A vulneración de dereitos dentro da APV non se queda só no ámbito da promoción profesional, e xa se denunciaron varias supostas condutas de acoso laboral a afiliados/as e delegados/as da CIG por parte de superiores xerárquicos, situacións que teñen provocado problemas de saúde a traballadores/as da APV que se resolveron con cambios no posto de traballo do delgado/as e a promoción salarial do denunciado/a”, censuran.
Finalmente, o representante estatal da CIG na Comisión Paritaria de Portos do Estado anunciou que se Vázquez Almuíña non actúa en consecuencia pedirá a intervención do presidente de Portos do Estado. Con todo, e ante inminente convocatoria de prazas de promoción interna, a sección sindical da CIG, xa lle solicitou a Portos do Estado a tutela dos tribunais “para que velen polo cumprimento duns principios de igualdade, mérito e capacidade que a Autoridade Portuaria de Vigo deixa de lado”.