Condena a SEMI por represaliar a un membro do Comité que denunciou incumprimentos en materia de prevención de riscos
A resolución do alto tribunal galego corrixe a sentenza emitida polo Xulgado do Social 4, que desestimou no seu día a demanda presentada pola asesoría da CIG, ao entender que a actuación da empresa Sociedad Española de Montajes Industriales, SA non constituía unha modificación substancial das condicións de traballo e, polo tanto, non entrou a valorar a existencia de represalias motivadas pola actividade sindical do delegado.
Pola contra, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza entende que a empresa non achegou unha xustificación obxectiva e razoábel, “diferente á represaliadora”, das medidas adoptadas nin da súa proporcionalidade. Pero si considera que o feito de que SEMI cesara nas súas funcións de xefe de brigada ao traballador tan só un mes despois de denunciar os incumprimentos laborais, “é suficiente indicio de que a decisión empresarial é unha represalia pola actuación sindical do demandante”.
Neste senso, a Sala engade que “calquera represalia debe de cualificarse de obstrución ao exercicio do dereito á liberdade sindical [...], sendo unha infracción da garantía de indemnidade polo exercicio de calquera dereito fundamental”.
Así, ademais de declarar nulo o cese e obrigar á reposición do traballador nas mesmas condicións anteriores como xefe de equipo de brigada, o TSXG tamén condena a SEMI a indemnizar ao afectado economicamente polos danos morais sufridos.
Dende a CIG-Industria da Coruña valoran moi positivamente o sentido da sentenza xudicial, xa que recoñece a actuación antisindical da empresa que, en vez de adoptar as medidas correctoras para evitar as situacións de risco que se lle formularon por parte do membro do Comité, opta por represalialo, substituíndoo nas súas funcións e ignorando as súas demandas.