Condena a Navantia por vulnerar a liberdade sindical ao negarse a facilitar a información sobre as masas salariais
A Audiencia Nacional ditou sentenza condenando a Navantia por vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical e obrigándolle a entregar á representación sindical os datos sobre as masas salariais que se lle presentan ao Ministerio de Facenda e as resolucións que autorizan os incrementos correspondentes aos anos 2018 e 2021. Ademais, a Audiencia condena a empresa pública a abonar a cada un dos sindicatos demandantes (CIG, CCOO e UGT) unha indemnización de 7501€.
A sección sindical da CIG en Navantia-Ferrol explica que a dirección da empresa vén incumprindo con este dereito da parte social "de maneira reiterada, groseira e teimuda, antes as nosas insistentes peticións". Que este dato estea ao dispor da representación dos traballadores e traballadoras nas mesas de negociación "é vital, un dereito fundamental para poder negociar en igualdade de condicións e coa mesma información. Romper esta mala práctica por parte da dirección é crucial, esencial e básico para as futuras negociacións", subliña a sección sindical da CIG.
Porén, Navantia xa comunicou que non comparte o fallo e que o recorrerá, "a pesares do requirimento de que non o fagan, dada a claridade da sentenza, e utilizando e dilapidando así cartos públicos ao seu antollo e contra un dereito fundamental".
Para a sección sindical da CIG, esta actitude de Navantia constitúe un "mal comezo" das negociacións do convenio "ocultando esta información que, xunto á negativa a un incremento, demostra a pouca boa fe da empresa. O talante ante esta situación, xunto coa cativa proposta enriba da mesa, merece unha resposta sindical se nas próximas reunións non hai un avance ante as nosas propostas".
A CIG xa gaña unha demanda ante o Consello de transparencia
Cómpre subliñar que o pasado ano, a CIG xa gañou a demanda presentada ante o Consello de transparencia e do bo goberno (organismo estatal independente encargado de promover a transparencia na actividade pública), para que Navantia facilitara a información sobre os soldos completos e desglosados da totalidade dos/as membros da alta dirección, bandas A e B.