Condena a Leche Celta por non abrir o protocolo de acoso tras a denuncia dunha traballadora
A empresa Leche Celta vén de ser condenada polo Xulgado do Social da Coruña por negarse a abrir o protocolo de acoso tras da denuncia por acoso laboral presentada por unha traballadora da fábrica de Pontedeume, diante da actitude do coordinador de planta do departamento de produción.
A traballadora, explica Francisco Cartelle, representante da CIG, presentou escrito no departamento de Recursos Humanos dando conta da situación de acoso laboral que sufría por parte do mencionado mando, e aínda que o protocolo estabelece que mediando denuncia debe abrirse este procedemento para determinar a existencia ou non do acoso, a empresa de xeito unilateral decidiu que non procedía a súa apertura pois, segundo dixo, non existían elementos para o seu inicio.
A decisión da empresa foi denunciada polo comité, no que a CIG conta coa maioría absoluta (7 de 9 delegadas/os), pois ao seu entender, e así o comparte o xuíz redactor da sentenza, o feito de que medie denuncia é o que en todo caso debe iniciar o protocolo, proceso no que a parte social ten un papel activo. No proceso, e unha vez escoitadas as partes e realizadas as oportunas comprobacións, "é cando se pode determinar se o expediente debe avanzar ou ser pechado, pero nunca pode quedar ao arbitrio da empresa abrir ou non expediente, pois nese caso a empresa estaría a incumprir a Lei de Prevención e estaría vulnerando os dereitos fundamentais do cadro de persoal", subliña Cartelle.
Esta argumentación, subscrita polo xulgado do social, veu determinar que o feito de non abrir o protocolo ten afectado ao dereito de indemnidade e tutela xudicial efectiva da traballadora en cuestión, polo que na sentenza se condena a empresa a abrir o protocolo e a indemnizar a traballadora por danos morais coa cantidade de 6000€.
"Esta situación, engade o representante da CG, é un exemplo máis da prepotencia e ilegalidade coa que está a actuar Leche Celta nos últimos tempos, cun departamento de Recursos Humanos que se ten retrotraído na súa actuación a séculos pasados".
Leche non cumpre a sentenza e pretende cambiar de quenda a traballadora
Pero lonxe de cumprir coa sentenza, abrir o protocolo e, no seu caso, iniciar a adopción das medidas acordadas coa traballadora e a representación sindical, "a empresa tenlle comunicado á compañeira que debe reincorporarse a unha quenda distinta á súa". A adopción desta medida , sen xustificación algunha, constitúe un dobre castigo, xa que por unha banda se castiga á traballadora por denunciar unha situación de acoso non abrindo o protocolo e por outra, castígase cunha modificación das condicións de traballo da potencial vítima.
"Esta actuación empresarial, xunto con outras que se están a producir en materia de recursos humanos están a situar a Leche Celta como unha das empresas máis reaccionarias nesta materia de toda a comarca ferrolá", advirte Cartelle.
Fronte a isto, a representación sindical da CIG adianta que non cesará en combater este comportamento antiobreiro e antisindical "con todas as medidas que temos ao noso alcance, tal e como vimos facendo, pois esta estratexia empresarial só persigue precarizar as condicións laborais do persoal e rematar coa forza sindical que o persoal vén amosando para mellorar as súas condicións de traballo".