Condena a Correos por denegar o dereito á conciliación laboral e familiar dunha traballadora
O xulgado do Social número 7 da Coruña vén de condenar a Correos por denegar a solicitude de cambio de quenda para a conciliación familiar e laboral feita por unha traballadora, condenando a empresa a repoñer a empregada na quenda que solicitou para poder coidar do seu fillo.
O sector de Correos da CIG da Coruña entende que atrás da negativa do xefe de Recursos Humanos de Correos na Zona 1ª a non conceder a solicitude, atópase a condición da traballadora como representante da CIG no comité de empresa "o que suporía un agravante na denegación dos dereitos". "Que esta denegación de dereitos se faga a unha representante de persoal e que se use como presión para limitar e penalizar o exercicio da liberdade sindical, converteríao nun feito moi grave e mesquiño", asevera Fernando Novás, delegado da CIG.
Explica que o Xefe de Recurso Humanos, que actuou como testemuña no xuízo, negou a posibilidade á traballadora de cambiar a quenda alegando que non dispuña de postos libres na mañá. "Pero ao tempo, no proceso de reaxuste se adxudicaba un posto nesa quenda a outro empregado sen necesidade de conciliación e que en quenda de adxudicación posterior á demandante solicitou traslado á Coruña. Argumentando no xuízo que aquel posto que se supuña que non existía para darllo á traballadora, non llo podía adxudicar porque xa o fixera co outro traballador. Un auténtico xogo de trileiros", critica.
Defensa dos dereitos do persoal
Neste senso, Novás afirma que "non imos deixar de denunciar nin pelexar polos dereitos de todos os compañeiros e compañeiras de Correos por moito que ao xefe de recursos humanos non lle guste. É máis, feitos coma este dannos a forza da convicción do traballo ben feito e o poder da razón para impedir que a dirección de Correos faga da empresa pública un “chiringuito” particular no que poden facer e desfacer, como se o seu persoal e os usuarios e usuarias do servizo postal non tiveran dereitos".
Neste liña, o delegado da CIG reflexiona que a posíbel persecución á representante da central nacionalista "confirma que a sección sindical está a facer o traballo para o que fomos elixidos/as, que non é outra cousa máis que a defensa dos dereitos e das condicións de traballo de todo o persoal de Correos, o que precisamente parece molestar o responsable de RH da zona en Compostela".