Conciliación familiar no SERGAS e saúde laboral

Mª Pilar Rodríguez Pérez - 06 Abr 2017

Á xa complicada conciliación da vida laboral e familiar inherente ao noso traballo de coidado de persoas enfermas, súmase a inflexibilidade da administración denegándonos sistematicamente dereitos

Resulta curioso que o pasado día 28 de febreiro o SERGAS me comunique no “sistema lembra”, a importancia da conciliación da vida familiar e laboral e convídanme a informarme das consideracións xerais sobre o mantemento do equilibrio nas diferentes dimensións da vida co fin de mellorar o benestar, a saúde e a capacidade de traballo persoal. E digo que me resulta curioso porque nestes días vivín unha situación moi desagradábel ao ser meu fillo de oito anos sometido a unha intervención cirúrxica baixo sedación. Tras solicitar os tres días por intervención cirúrxica ou enfermidade grave, recibo unha chamada de persoal onde me confirman que me dan o día da intervención pero para concederme o resto dos días esíxenme un informe que indique que coidados precisa para que avalíen se me conceden o resto dos días ou non, e que se a dirección incluso co informe interpreta que non está xustificado me quitaría o día de salario (xa que non teño xerados LDs neste último contrato, malia que o día 17 de marzo vou facer un ano traballado practicamente de seguido, sen dereito a vacacións nin outros permisos). O segundo día de permiso comunícanme vía telefónica que me denegaban xa que consideran que un neno tras unha sedación, aínda que necesite repouso domiciliario non ten porque precisar coidados, e, tras os meus correspondentes enfados e reclamacións coa miña interlocutora, mais tamén pasando momentos de angustia e cansazo moral, por fin a dirección accede, finalmente, e “concédenme os tres días de permiso” que me correspondían.

Isto que conto é o día a día do persoal eventual que traballamos no SERGAS, mulleres na nosa maioría e que tras numerosos anos traballando para a administración carecemos de dereitos básicos como xerar vacacións, días de libre disposición ou onde sistematicamente se non denegan permisos polo feito de sermos contratadas. Isto nun sector onde o traballo é, maioritariamente, en quendas de mañá, tarde e noite e de luns a domingo, e onde se libra unha fin de semana de cada tres. Debido á grande rotación na contratación, nun mes podemos asinar máis de media ducia de contratos sen poder planificar moitas veces a curto prazo que días da semana podemos recoller as nosas fillas e fillos na escola, que días durmiremos na casa ou se poderemos asistir a calquera tipo de evento familiar. Así mesmo, os períodos de vacacións das nosas fillas e fillos son os de máis carga de traballo e o persoal das listas somos os que cubrimos as ausencias dificultando, e imposibilitando, gozar dunhas vacacións en familia. Á xa complicada conciliación da vida laboral e familiar inherente ao noso traballo de coidado de persoas enfermas, súmase a inflexibilidade da administración denegándonos sistematicamente dereitos ou mesmo instándonos a renunciar aos contratos se pedimos permisos por ingresos de familiares ou outros.

Poderíavos falar doutros problemas que inflúen na promoción profesional como a denegación dos permisos de formación ou por exame, incluso para presentarnos ao exame oficial para a formación nas especialidades. Pero hai dúas anécdotas persoais, que por sorte quedaron niso, que dan unha perspectiva da visión da administración sobre a saúde do seu persoal. A dificultade de solicitar hai 9 anos unha cita con Medicina Preventiva ao denegarme o persoal administrativo a cita porque un embarazo non era unha enfermidade, que por sorte se resolveu logo tras chamar directamente a esta unidade e nunha baixa na que tiña a perna escaiolada e que me coincidiu cun contrato longo onde se me comunicou por parte do meu superior que me ían cesar “por non poder desenvolver o traballo para o que fora contratada” e no que Recursos Humanos rectificou tras poñerlle en coñecemento que me asesorara na nosa central sindical e recoñecendo que todo fora un erro.

É necesario polo tanto no noso sector que a administración tome en serio a nosa saúde e promova medidas na promoción da saúde laboral e a prevención da enfermidade mais que non quede nunha notificación do Sistema da Consellaría de Sanidade ou nunha simple declaración de intencións.

 

[Vigo, 5 de abril de 2017]

 

Mª Pilar Rodríguez Pérez é traballadora das listas de contratación do SERGAS. Secretaria de Formación Sindical CIG- Vigo