Concéntranse diante do Parlamento contra a "expropiación encuberta" dos montes en mancomún
Comuneiras e comuneiros da Organización Galega de Comunidades de Montes, xunto coa plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, da que fai parte a CIG, concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza para manifestar a súa rotunda oposición á modificación da Lei de Montes Veciñais a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos. Un procedemento que o presidente da ORGACCMM, Pepe Pereira, cualificou como “legal pero totalmente antidemocrático” porque furta o debate do sector e mesmo do Parlamento, que está condicionado a unha lectura única.
Por iso reclamaron a retirada das dúas modificacións previstas que “atentan contra o carácter xermánico da propiedade veciñal, cando se di que o monte, onde non haxa veciñanza pasa automaticamente aos concellos, non como xestores cautelares, que se podería admitir, senón como titulares provisionais”, explicou Pereira.
Segundo o presidente da ORGACCMM a segunda modificación “rouba a xestión das terras comunitarias” no sentido de que “aqueles montes que a Xunta declare en estado de grave abandono -e pode declarar en estado de grave abandono polo simple feito de non cumprir trámites burocráticos, como pode ser non enviar o listado de veciñanza comuneira-, pasan a ser xestionado por unha empresa forestal e madeireira por un período de 50 anos durante os cales, aínda que se subsanen as causas que provocaron esta situación, a veciñanza non poderá recuperalos até transcorrido ese período”. Unha “usurpación da xestión” e un “ataque tremendo ao que é a figura e a xestión do monte comunal en man común”, afirmou.
Para a Organización Galega de Comunidades de Montes é “unha confiscación en toda regra” que entende que atenta contra a lei porque “os montes veciñais teñen o carácter de imprescriptibilidade, recoñecido tanto nas leis españolas como nas galegas”.
Proceso democrático
Fronte ao procedemento de “colar” estas modificacións a través da lei de acompañamento dos orzamentos a ORGACCMM considera que se debería ter tramitado iniciando o debate no Consello Forestal, contando co sector, para elaborar a partir de aí un borrador que a consellería convertería en texto e enviaría ao Parlamento galego para que se discutira como toda lei e “non como se fai aquí, sen debate de ponencia, nin comisións”, concluíu.