Concentracións nas sete comarcas para exixir condicións laborais e salariais dignas no comercio

A CIG ten convocadas dúas xornadas de folga no sector para o 26 de xullo e 15 de agosto
Nacional - 17 Xul 2026

A CIG-Servizos iniciou este venres a campaña informativa e de mobilizacións para esixir condicións laborais e salariais dignas no comercio. A central realizou concentracións en grandes superficies das sete comarcas (A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vilagarcía e Vigo), repetirá protestas o día 7 de agosto e ten convocadas dúas xornadas de folga para o 26 de xullo e 15 de agosto, datas de apertura autorizadas no comercio galego.

"Grandes almacéns, grandes explotadores", "empregos precarios, beneficios millonarios" ou "domingos e festivos para os directivos", foron algunhas das consignadas que se corearon durante as concentracións para denunciar a precarización constante das condicións de traballo no comercio e uns salarios “de subsistencia” que apenas superan o SMI en moitos dos convenios do sector.

Contratos parciais e dificultades para conciliar

A CIG-Servizos denuncia que este sector, altamente feminizado e cun índice moi elevado de contratos a tempo parcial, sigue sendo un dos que peor permite conciliar vida familiar e laboral, xa que moitas empresas traballan a quenda partida e os festivos e domingos que a Xunta permite abrir “fanse de xeito obrigatorio e sen ningún tipo de compensación a cambio, mesmo incumprindo o descanso diario e semanal regulado por lei”.

Neste ano 2026, dous deses días autorizados son o domingo 26 de xullo e o sábado 15 de agosto, xornadas nas que as CIG ten convocada folga de 24 horas. Estes paros dán continuidade ao realizado o pasado 2 de abril, que tamén foi festivo de apertura.

Ás dificultades para conciliar e descansar, súmase os cadros de persoal reducidos e a aplicación de sistemas de traballo e organizativos que empeoran as condicións, provocan cargas de traballo excesivas e unha falta total de cobertura de baixas, vacacións e licencias. Isto tradúcese en ritmos de traballo máis elevados e na deterioración da saúde das persoas traballadoras. Non por casualidade as baixas por doenzas músculo-esqueléticas, estrés ou ansiedade teñen aumento considerabelmente.

Por si todo isto fose pouco, a patronal estatal está a atacar agora “brutalmente” a negociación colectiva en Galiza coa “necesaria complicidade” dos sindicatos estatais, “abrindo mesas negociadoras en Madrid que só serven para recortar dereitos conquistados tras anos de mobilizacións e folgas”.

Por iso, con esta campaña de mobilizacións, a CIG-Servizos reivindica:

  • Incremento dos cadros de persoal, convertendo xornadas parciais en completas e garantindo a contratación do persoal necesario para evitar a sobrecarga laboral.
  • Descanso e conciliación, con quendas e horarios estables que non sufran modificacións diarias ou semanais, que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e que respecten o descanso diario e semanal e a voluntariedade de traballar en domingos ou festivos.
  • Salarios xustos, implementando nos vindeiros convenios pluses que recoñezan o valor do traballo e retribúan aspectos como responsabilidade, polivalencia ou dispoñibilidade.
  • Acordo marco galego conformando unha mesa de negociación que traballe na consecución dun Acordo Marco Galego de Comercio que recolla as necesidades específicas de todo o comercio galego e que protexa a negociación provincial fronte a estatal.