Concentracións da CIG-Saúde en todas as áreas sanitarias pola recuperación dos salarios “roubados” ao persoal do SERGAS

Lembra que “somos os últimos da fila” nas retribucións do persoal da administración pública
Nacional - 08 Set 2021

A CIG-Saúde convoca, para mañá xoves, día 9 de setembro, concentracións en todas as áreas sanitarias “pola devolución dos acordos roubados” desde o ano 2010. Denuncia que, daquela, o recén estreado goberno do PP tomou esa decisión cando aínda non estaba condicionada pola crise económica, porque foi adoptada antes de que se aprobara a Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria pola que se recortaron as condicións laborais e retributivas do persoal dependente das administracións públicas, tanto estatal como galega, e que foi promulgada en 2012.

POLA DEVOLUCIÓN DOS ACORDOS ROUBADOS

CONCENTRACIÓNS 9 DE SETEMBRO

A CORUÑA

11:00 h. Rotonda do HUAC

FERROL

12:00 h. Porta principal H Arquitecto Marcide

LUGO

12:00 h. Entrada principal do HULA

A MARIÑA

12:00 h. Entrada Hospital da Mariña e nos centros de saúde

MONFORTE

12:00 h. Entrada principal Hospital de Monforte

PONTEVEDRA

12:30 h. Porta principal do Hospital de Montecelo

O BARCO

12:00 h. Entrada principal Hospital de Valdeorras

SANTIAGO

12:00 h. Entrada principal do Hospital Clínico

BARBANZA

12:00 h. Entrada principal do Hospital do Barbanza

VIGO

12:00 h. Sede do SERGAS en García Barbón

 

Segundo explica a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, Feixó adoptou á súa chegada ao goberno a “medida estrela” de conxelar os salarios dos traballadores/as da sanidade pública galega dos exercicios 2010, 2011 e 2012 do persoal do SERGAS. Decisión que non atinxiu ao resto do persoal da administración pública.

Desde aquela a CIG-Saúde vén reclamando a devolución dos dereitos retributivos das traballadoras e traballadores da sanidade pública galega. Máis cando desde o goberno da Xunta se promoveron acordos de mellora salarial -á que tiñan dereito- para outros colectivos ou cando se recoñeceu a carreira profesional para todo o persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza. “Ao tempo que negociaban estes acordos amosaban a súa reiterada negativa a negociar un acordo na mesa sectorial para devolver ao persoal do SERGAS os recortes salariais acumulados neses tres anos”, denuncia Abuín.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que cando o goberno estatal anunciou que había unha recuperación económica, a través das distintas mesas de negociación fixéronse calendarios para a recuperación dos recortes que se produciron mediante esa lei de estabilidade. Porén, máis unha vez “Feixó negouse de forma sistemática a establecer ningún calendario de recuperación para devolver ao persoal do SERGAS os salarios que leva conxelados nos exercicios 2010, 2011 e 2012”.

Diferenza de entre 200 e 400 € ao mes co resto do persoal da administración pública

Matiza, con todo, que “o que estamos a pedir non é un incremento salarial, é que nos devolva o que nos leva roubado”. Uns salarios que tiñan que ter percibido e que terían permitido que se equipararan as súas condicións á media dos servizos de saúde. Fronte a iso “seguimos estando retributivamente á cola dos servizos de saúde e cuns salarios que minimizaban a diferenza salarial que temos co resto de traballadores e traballadoras da administración pública”, sinala.

Afirma ademais que entre o persoal do SERGAS de igual nivel, pero dunha maior exixencia no rango de titulación hai unha diferenza co resto do persoal da administración pública de entre 200 e 400 euros mensuais. “É dicir, un traballador da administración pública que traballa de luns a venres percibe unha retribución fronte o persoal do SERGAS que ten unha prestación de servizo as 24 horas do día os 365 días do ano entre 200 e 400 euros”. Diferenza que, segundo afirma, queda constatada na orde de confección de nóminas que anualmente publica a Xunta de Galiza.

Establecemento dun calendario de recuperación

Xunto a isto reprocha que agora coa pandemia “Feixó presuma do bo traballo realizado polo persoal da sanidade pública galega e faga promoción política e persoal con isto”. Considera que, fronte á propaganda “o que ten que facer é devolvernos o roubado. Cremos que xa é hora”.

Denuncia que o recoñecemento do SERGAS ao seu traballo é seguir negando o establecemento dun calendario de recuperación que “estamos dispostos a pactar e que sexa en máis dun exercicio orzamentario”. Mais denunciou que porén “esta é a recompensa que di el que temos por facer o noso traballo. Un traballo que se visibilizou na pandemia pero que é o mesmo que facemos o resto do ano”.

Niveis retributivos

A CIG-Saúde exixe tamén que nesta recuperación de salarios se muden os niveis retributivos que ten cada colectivo. Considera que “non é de recibo que un administrativo da Xunta de Galiza, para o que o requisito de titulación é o bacharelato, poida ter un nivel de entre o 18 e o 25 cando un médico ou médica, que ten un requisito de titulación de medicina e un MIR, teña un nivel 24”.

Lembra que a CIG-Saúde leva anos reclamando unha modificación dos niveis para adaptalos a requisitos de titulación e a prestación de servizo porque son polos que se regulan as retribucións que se perciben e demandou que “de inmediato o persoal médico pase a ter nivel 26 e que se senten dunha vez a facer unha readaptación en función dos requisitos de titulación e a prestación de servizo para que teñan a clasificación que corresponde”.