Concentracións contra a represión en Canarga e para esixir a readmisión do delegado despedido
A CIG mobilizouse este mércores para esixir a readmisión do delegado de persoal ao que Canarga despediu en represalia pola súa actividade sindical en defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras. Unha primeira concentración tivo lugar pola mañá diante do SMAC da Coruña -con motivo do conciliación que rematou sen avinza-, e unha segunda protesta pola tarde ás portas das oficinas de Canarga no Polígono da Agrela.
Para a Federación de Construción e Madeira da CIG este despidimento responde a unha clara represión contra o delegado de persoal pola súa loita na defenas dos dereitos laborais e para esixir o cumprimento do recollido no convenio colectivo. De feito, as denuncias do delegado (sobre todo en materia de xornada laboral) levaron á intervención da Inspección de Traballo, que chegou a sancionar a Canarga por este motivo.
Dende entón, a empresa manobrou para xustificar un despedimento disciplinario que finalmente executou a inicios deste ano, tras abrirlle un expediente cheo de falsidades. Os argumentos da medida son tan burdos, explica o secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, que até a empresa tivo destituír a persoa que o instruía pola súa parcialidade.
Sancións por non facer horas extras
A política represiva en Canarga, que fai obra pública para case todos os concellos da comarca, é unha práctica tan habitual que, por norma, a empresa sanciona a todos os traballadores que se negan a realizar horas extraordinarias.
Diante desta actuación, a CIG esixe a inmediata readmisión do compañeiro despedido e o cese das persecusións ao persoal. Ademais de demandar a nulidade do despedimento en vía xudicial, non se descarta continuar coas mobilizacións nas próximas semanas.