Concentración solidaria coas nove persoas denunciadas pola familia Franco por reclamar a devolución da Casa Cornide
Logo de adiarse varias veces, este xoves tivo lugar o xuízo ao grupo de nove activistas denunciados pola familia Franco a raíz da acción simbólica realizada na Casa Cornide. Con tal motivo, esta mañá desenvolveuse unha concentración solidaria diante do edificio da antiga Audiencia Provincial, onde se celebrou a vista oral na que os e as activistas reclamaron de novo a devolución do patrimonio roubado e a o fin do espolio franquista.
Na protesta lembrouse que a acción realizada o 26 de setembro do 2017 consistiu en despregar unha faixa na varanda da Casa Cornide para reclamar que este edificio, que foi espoliado no ano 1962 polos Franco, sexa restituído ao patrimonio público das galegas e galegos. "As nove persoas que estamos aquí entramos coa fronte alta e tranquilas porque non temos nada que ocultar, fixemos esta acción porque a consideramos necesaria e porque había que chamar a atención sobre o outro patrimonio, aliás do Pazo de Meiras, que tamén foi espoliado na Galiza", aseverou Elvira Branco en nome do colectivo.
Subliñou que con esa acción tamén se buscaba "activar" as administracións con competencias neste asunto: a Xunta de Galiza e o Concello da Coruña. A primeira reclámaselle "que declare dunha vez por todas ben de Interese Cultural a Casa Cornide e así evitar escenas como as vividas nas últimas semanas con furgonetas baleirando de contido o edificio e que os Franco sigan facendo negocio con bens que lle roubaron ao pobo galego". No caso do Concello da Coruña demándaselle "que inicie querela xudicial para que a Casa Cornide volva ser patrimonio público".
Armando Carril, Manuel Méndez, Elvira Branco, Carolina Fernández, André López, Salvador González, Óscar Calvo, Dani Carballada e Bieito Lobeira son xulgadas por un delito leve por coaccións, aínda que a familia Franco intentou elevar a petición de condena para "levarnos a cadea. Non sabemos cal será o sentido da sentenza, pero hoxe imos seremos xulgadas por defender a Galiza e a súa dignidade, a xustiza e a democracia".
Denunciou tamén a “actitude vingativa” da familia Franco “que non entenden de democracia e só pretenden defender os seus privilexios. Por unha parte estamos no xuízo como acusados un grupo que defende a xustiza e a democracia e pola outra, na acusación imos ter á familia Franco, así son as cousas a estas alturas da historia”, concluíu a portavoz do grupo antes de entrar para declarar na causa que se sigue Xulgado de Instrución nº 4 da Coruña.