Concentración por partida dobre nos xulgados da Coruña contra a represión en Ferroatlántica e Vázquez Rey
A CIG realizou esta mañá dúas concentracións consecutivas diante dos xulgados da Coruña coincidindo coa celebración dos xuízos polo despedimento inxustificado do compañeiro Ramos por parte da dirección de Ferroatlántica de Cee e pola sanción inxusta imposta a un traballador da empresa Vázquez Rey de Arteixo. Con estas protestas, a central sindical quere denunciar o arbitrario e represivo das actuacións empresariais e demandar a reincorporación dos traballadores afectados.
Consignas pedindo a readmisión do compañeiro Ramos
A primeira concentración, convocada pola CIG-Industria, comezou por volta das 11:00 horas e veu motivada pola celebración do xuízo polo despedimento do compañeiro Ramos (que foi membro do comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-CCHH e forma parte da sección sindical da CIG), a quen a empresa rescindiu o contrato por un comentario que fixo nunha rede social, fóra do ámbito do centro de traballo.
Para a central sindical esta medida é absolutamente desproporcionada e inxustificada e por iso se pide a nulidade na demanda contra o despedimento. En calquera caso, engade a sección sindical da CIG, o escrito polo traballador enmárcase no seu dereito fundamental á liberdade de expresión, dereito que a empresa coa súa decisión está a vulnerar.
Neste senso, apuntan que as verdadeiras razóns para entender esta decisión empresarial hainas que buscar na campaña de represión que a dirección está a levar adiante contra a CIG pola loita contra a venda das centrais hidroeléctricas (manobra na que o Grupo Villar Mir segue teimando), a negativa a ratificar acordo marco estatal e a impugnación da votación fraudulenta pola cal que se aprobou o convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas.
A este respecto, lembran que o comentario que utiliza Ferroatlántica para xustificar a súa decisión, foi escrito polo traballador no seu perfil de facebook nun clima de gran tensión sindical, con posturas enfrontadas dentro do comité e catro días antes da celebración do referendo - que a CIG impugnou porque se permitiu votar a 20 persoas que non estaban incluídas nos censos, alterándose así substancialmente o resultado-.
Por iso, para a representación da CIG non existen causas obxectivas que motiven o despedimento, senón que a empresa buscou unha escusa peregrina para cesalo, "pois nos 28 anos que leva prestando servizo nas centrais nunca antes fora obxecto de sanción". De feito, o propio Ramos pediu desculpas posteriormente polo inapropiado do seu comentario e borrouno da rede social, "polo que a situación non debería ter maior transcendencia, sobre todo tendo en conta que o comentario se fai fóra do centro de traballo e nun ámbito pechado".
A central reclama o cese da represión en Vázquez Rey
A segunda concentración, convocada pola Federación de Construción e Madeira, tivo lugar unha hora despois, coincidindo co xuízo por unha sanción inxusta que a empresa Vázquez Rey impuxo a un traballador en represalia por defender os seus dereitos laborais e negarse a facer horas extraordinarias. Finalmente o xuízo foi adiado á petición da empresa.
Mario Maceiras, secretario comarcal da FCM-CIG da Coruña, sinala que a empresa (que se dedica á fabricación de taboleiro) pretendía que o traballador -que é condutor de camión- alongara a súa xornada laboral de maneira arbitraria "pero como non o conseguiu, castigou o traballador impóndolle unha sanción en base a unhas acusacións totalmente falsas".
Pero ademais, hai que ter en conta que este traballador é un dos dous empregados aos que a firma de taboleiro de Arteixo despediu recentemente pola súa participación na mesa electoral durante as eleccións realizadas neste centro. Por iso, durante a protesta tamén se escoitaron consignas reclamando a readmisión de ambos compañeiros e o cese das represalias en Vázquez Rey.
Maceiras lembrou que a dirección de Vázquez Reyintentou boicotear o proceso electoral para evitar que os traballadores puideran elixir o candidato da CIG como o seu representante legal. Como as súas estratexias non funcionaron (o propio xerente tratou de manipular a única candidatura presentada, a da CIG, incluíndose a si propio como candidato), a empresa recorreu entón as ameazas e coaccións aos integrantes da mesa para que desistiran de participar no proceso e finalmente ao despedimento do presidente e o secretario, alegando que "transgrediran a boa fe contractual", precisamente por ter formado parte da mesa.
Diante desta actuación intolerábel, a CIG defenderá a readmisión destes dous traballadores tanto pola vía xudicial como a través das mobilizacións e esíxelle á empresa que respecte os lexítimos dereitos do seu persoal e cese de inmediato na súa política represiva.