Concentración para exixir a Marrocos a liberación dos activistas saharauís encarcerados
Solidariedade Galega co Pobo Saharauí denunciou cunha concentración á que se sumaron diversas organizacións, entre elas a CIG, o xuízo contra os activistas saharauís “Grupo Gdeim izik”, que se celebrou hoxe mesmo, demandando, máis unha vez, a súa liberdade.
No decurso da concentración lembrouse que estes activistas saharauís foron acusados e xulgados inxustamente por un tribunal militar. A súa condena foi anulada polo tribunal de casación e era hoxe repetida nun tribunal de apelación en Rabat. Un proceso que se dá malia o pasado venres, día 28 de abril, o Consello de Seguridade da ONU sobre o Sahara Occidental adoptar unha resolución na que se reafirma o dereito do pobo saharauí á autodeterminación. Cuestión que debe guiar as negociacións directas que o Secretario Xeral da ONU debe relanzar entre as dúas partes.
A CIG lembra que desde que se recoñeceu ao Sahara Occidental como un territorio non autónomo, xa hai máis de 50 anos, a Asemblea Xeral da ONU vén reafirmando o dereito inalienable do pobo saharauí á autodeterminación, que debería exercerse conforme á resolución 1514 (XV) da Asemblea Xeral, e outras resolucións pertinentes.
Denuncia que foi Marrocos quen invadiu e ocupou o territorio saharuí en 1975, violando as resolucións da propia ONU e o Ditame da Corte Internacional de Xustiza do 16 de outubro de 1975, que confirmou claramente a inexistencia de calquera ligazón de soberanía territorial entre o Sahara Occidental e O Reino de Marrocos.
Subliña que logo de 16 anos dunha guerra prolongada, as dúas partes en conflito, Marrocos e a Fronte Polisaria, aceptaron o Plano de Amaño da ONU-OUA, que contemplaba un referendo de autodeterminación libre e xusto, no que o pobo saharauí escollería entre a independencia ou a integración en Marrocos.
Un referendo que aínda non se ten celebrado, debido á actitude obstrucionista de Marrocos e o seu expreso rexeitamento á unha solución democrática, baseada no exercicio libre, transparente e xusto do dereito á autodeterminación que reclama a ONU.
Lembra que as negociacións directas entre as dúas partes, que comezaron en 2007 baixo os auspicios da ONU, non teñen dado ningún resultado real ata o momento, debido á teima de Marrocos por unha solución que só pretende revogar o dereito do pobo saharauí á libre determinación e independencia, e lexitimar a ocupación e anexión dun territorio non autónomo sobre o que Marrocos non exerce ningunha soberanía.
Lonxe disto, a CIG denuncia as graves violacións dos dereitos humanos que Marrocos está a cometer nos territorios ocupados do Sahara Occidental, que veñen sendo documentadas por diferentes organizacións internacionais como Amnistía Internacional, Human Rights Watch e o propio Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, entre outras.