Concentración para esixir a readmisión dunha traballadora de ambulancias de Navia de Suarna
A FGAMT-CIG concentrouse este luns no Servizo de Mediación Arbitraxe e Conciliación (SMAC) de Lugo con motivo da celebración do acto de conciliación polo despedimento inxusto dunha traballadora da empresa Luis Iglesias Carreira SL, que ten adxudicado o transporte sanitario urxente na zona de Navia de Suarna.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López, denuncia que Luis Iglesias Carreira SL -que ademais de Navia de Suarna tamén ten o contrato do servizo de transporte sanitario urxente en Lugo, Becerreá, Vilalba, Palas de Rei, Guitiriz e Pedrafita do Cebreiro, así como dunha parte reducida do transporte sanitario programado- "leva encarreirados varios despedimentos dende que foi asumida a través do empresario Rubiero-Xirón, algo que, dende esta central sindical, veuse denunciando publicamente e que responde a unha situación de discriminación e acoso no traballo".
Incumprimento dos pregos
De feito, advirte que dende a asunción dos novos contratos para o transporte urxente, a empresa non está a cumprir puntualmente as súas obrigas salariais e segue a incumprir as garantías en materia de saúde laboral, nomeadamente no relativo á uniformidade e á súa desinfección. Unha problema que cobra máis gravidade coa actual situación excepcional xerada pola aparición do coronavirus.
"A única resposta da empresa ante as denuncias dos incumprimentos é executar despedimentos de persoal gastando os cartos dos novos contratos da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061", critica López, quen sinala as informacións que falan tamén dunha entrada inminente da empresa nun proceso concursal "no que todo apunta á culpabilidade do empresario".
Diante desta nova situación a CIG continúa a denunciar esta actuación empresarial "como un claro atentado ós dereitos laborais e sindicais do persoal, solicitando a readmisión desta compañeira".