Este venres 7, concentración nos xulgados da Coruña contra a represión sindical e en apoio a Chelo e Javier
Dous anos despois do inicio da histórica folga na xustiza de Galiza aínda hai traballadores e traballadoras que están sendo perseguidas por defender os dereitos laborais de todo o persoal deste sector. Este é o caso da compañeira Chelo Rodríguez e do compañeiro Javier Fernández que este venres se enfrontan a un xuízo por exercer o seu labor sindical como representantes do persoal. Con motivo da celebración da vista no Xulgado de Instrución nº 1 da Coruña, a CIG ten convocada unha concentración ás 11:30 horas nas escaleiras dos xulgados da rúa Monforte en defensa da liberdade e do traballo sindical e en solidariedade con Chelo e Javier porque "defender os dereitos non é delito".
Un caso "desproporcionado"
Para o secretario do sector de Xustiza da CIG-Administración, Xesús Sánchez 'Tuto', estamos ante un caso absolutamente desproporcionado, cando xa van dous anos do inicio da folga indefinida e cando un xuízo de faltas similar contra diversos membros do comité de folga da provincia da Coruña rematou cunha sentenza absolutoria.
Cómpre lembrar que a denuncia que motivou a instrución ten a súa orixe na denuncia presentada por unha letrada (que a Fiscalía elevou ao xulgado), despois de que un piquete informativo falara con ela nunha das xornadas da folga, a causa da interpretación abusiva que estaba facendo dos servizos mínimos. Esta funcionaria, recorda Sánchez, arrogouse unhas competencias que non lle corresponden para ampliar os servizos mínimos, sen que este abuso lle carrexara consecuencias mentres que Chelo e Javier seguen perseguidos sen motivo.
A denuncia tamén provocou a apertura dun expediente disciplinario que quedou en suspenso até que conclúa a vía xudicial. É dicir, ademais de ter que sufrir todo este proceso, cando saia a sentenza aínda se terán que enfrontar á resolución do expediente administrativo, sufrindo un dobre castigo. Por iso, dende a CIG seguimos demandando a absolución desta compañeira e deste compañeiro e o arquivo do expediente.
A este respecto, Sánchez sinala que durante o máis de tres meses que durou a folga, os piquetes informativos tiveron que dirixirse a letradas/os, fiscais e xuízas/ces en numerosas ocasións pola interpretación dos servizos mínimos e as coaccións que recibía o persoal para acudir ao posto. "Non obstante, agás neste caso da Coruña, en ningún outro lugar do país houbo maior problema. Unhas veces dialogamos e outras discutimos sobre a instrución dos servizos mínimos, pero sempre dentro do labor sindical e no marco do desenvolvemento da folga", asevera.
Xudicialización da loita polos dereitos
O secretario da CIG-Xustiza apunta ao feito de que "unha vez máis, a defensa do dereito fundamental á folga e dos dereitos socio-laborais acabe xudicializada e vítima da persecución por parte da Administración". Neste senso, sinala á responsabilidade da Xunta de Galiza, que foi a primeira que criminalizou a loita do persoal de xustiza e enmarca este proceso nunha campaña de represión sindical froito dunha decisión política que "busca penalizar as organizacións que defenden os dereitos dos traballadores/as e servir de exemplo para o resto do persoal do sector público" á hora de reivindicar melloras salariais e laborais.
De feito, malia o peche en falso que tivo o conflito tras da sinatura do "mal acordo", nunca antes o sector de Xustiza de Galiza vivira unha folga desta intensidade para esixir a fin das discriminacións laborais e a recuperación do emprego destruído nos últimos anos.
Un conflito pechado en falso
Sobre o "mal acordo", Sánchez destaca que a día de hoxe, o Complemento Autonómico Transitorio -unha das reivindicacións en materia salarial- segue sen equipararse á media do Estado e no caso do Corpo de Xestión xa está no noveno posto dos 13 territorios do sector (Comunidades Autónomas e Ministerio). "E sen solución posíbel, matiza, porque segundo o asinado até o próximo ano non podería volver subir, e iso sempre que a Xunta acceda. Polo tanto, transcorridos dous anos estamos outra vez na mesma situación".
Outro tanto acontece coa carreira profesional, "outro fume que venderon para xustificar a sinatura, pois neste tempo non houbo nin unha soa reunión sobre este tema e a Xunta nin sequera ten competencias para establecer a carreira", explica.
En canto ao famoso 'plan de recuperación' Sánchez considera que chegou "tarde, mal e arrastras", non solucionou os problemas de colapso dos xulgados e ademais, discriminou as traballadoras e traballadores que fixeron folga, mentres "premiou" a quen non secundou o paro.