Concentración o luns 16 contra a represión sindical e en solidariedade coas dependentas denunciadas por Inditex

Ás 10 horas, diante dos xulgados da rúa Monforte
A Coruña - 13 Dec 2024

A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro luns, 16 de decembro, ás 10h, diante dos xulgados da rúa Monforte da Coruña en contra da represión sindical e en solidariedade coas traballadoras denunciadas por Inditex que se enfrontan a un xuízo penal por un delito leve de usurpación de propiedade.

Os feitos que motivaron que a multinacional denunciara até en dúas ocasións ás compañeiras producíronse en xuño deste ano cando un grupo de delegada das diferentes tendas quixeron facer valer o acordo que Inditex asinara comprometéndose a retomar a negociación provincial na Coruña. Hai que lembrar que a empresa reabriu a mesa para abordar as melloras laborais e sociais pendentes, pero despois dunha única reunión suspendeu as xuntanzas alegando que xa se estaba desenvolvendo unha negociación en Madrid.

Diante deste incumprimento, delegadas e delegados da CIG de todas as cadeas do grupo intentaron que a empresa as recibira e foron á sede de Inditex en Arteixo para que rectificara a súa postura. Porén, en contra do que pasou noutras ocasións co persoal doutras empresas do grupo, Inditex negouse a falar do asunto e non quixo reunirse coa representación legal.

"Ante a indiferenza de Inditex coas dependentas decidimos esperar nas instalacións da empresa até que nos recibisen", lembran, mais nunca foron recibidas, senón que, tres días despois, foron desaloxadas polas forzas e corpos de seguridade do Estado.

Por iso, critican que Inditex "non só non se reuniu con nós nin se comprometeu a respectar o acordo asinado meses atrás, senón que preferiu denunciarnos por un delito penal antes que negociar coas dependentas". Neste senso, apuntan que o acordo ao que a multinacional chegou en Madrid con CCOO e UGT non supuxo ningunha mellora nas condicións salariais, laborais e sociais para as traballadoras da provincia, polo que a loita para avanzar naquelas cuestións que ficaron pendentes tras o pacto salarial alcanzado en decembro de 2022, continúa viva.