Concentración nos xulgados en rexeitamento aos despedimentos no Grupo Cándido Hermida
Este luns deron comezo as vistas dos xuízos polo despedimento de máis de 20 traballadores das empresas do Grupo Cándido Hermida durante o pasado mes de abril. Con tal motivo, a CIG e CCOO realizaron unha concentración diante dos xulgados en solidariedade cos compañeiros, para amosar o total desacordo cos despedimentos e esixir unhas condicións de traballo dignas no grupo.
Esta semana, explica o secretario comarcal da FCM-CIG de Ferrol, Marcos Sánchez, os xuízos polos despedimentos (dos que se demanda a nulidade) celebraranse o luns, martes e mércores, mais aínda quendan pendentes un gran número deles para os meses de outubro e novembro.
Con esta protesta, ademais de apoiar os traballadores afectados, quérese denunciar o "o auténtico escándalo" que está a suceder nas empresas do Grupo Cándido Hermida, que está subcontratando traballo, contratando a novo persoal por medio de ETT ou mandando realizar horas extraordinarias, "mentres despide a traballadoras e traballadores formados" e con longas carreiras profesionais dentro da empresa.
"Isto non fai máis que reafirmar o que levamos denunciando todo este tempo, que os despedimentos non teñen nada que ver coas causas económicas alegadas pola empresa", apunta Sánchez, quen atribúe a decisión empresarial a un intento do Grupo Cándido Hermida de precarizar aínda máis as condicións laborais, eliminar o persoal máis reivindicativo e amedrentar ao resto de traballadores/as para que non reclamen os seus dereitos.
"Reiteramos que non imos calar ante estes abusos e ante o empeoramento das condicións laborais, polo que a frase tan repetida nas mobilizacións polos despedimentos esta máis vixente que nunca: “Cándido Hermida non é un ebanista, é un escravista”", denunciaron.