Concentración nos xulgados de Lugo para denunciar os impedimentos de Abanca á conciliación
Delegadas e delegados da CIG no sector financeiro mobilizáronse este xoves nos xulgados de Lugo coincidindo co xuízo da compañeira Paula, traballadora de Abanca a quen a empresa lle denegou a concreción horaria por conciliación.
A CIG leva anos denunciando os impedimentos que pon Abanca para poder exercer os dereitos de conciliación, xa que denega por sistema todas as concrecións horarias e pon enormes dificultades para así desincentivar que o persoal se acolla a esta medida. Unha situación que se perpetúa no tempo posto que no Plan de Igualdade asinado este ano, que a CIG non avalou, reflíctense unha serie de medidas de conciliación que na práctica non se aplican.
Malia a propaganda de Abanca a prol da igualdade, en dito plan non se recolle tampouco ningunha acción concreta para rematar coa brutal fenda salarial que se dá na entidade, que chega ao 24% no complemento variábel segundo os datos arroxados pola auditoría retributiva, nin medidas para promover que as mulleres poidan avanzar na carreira profesional.