Concentración nos xulgados da Coruña contra o despedimento dun traballador municipal
A Sección Sindical da CIG do Concello da Coruña desenvolveu unha concentración este xoves diante dos xulgados coincidindo co xuízo polo despedimento dun traballador municipal que no momento de ser despedido era delegado sindical da CIG.
Explican que o despedimento se produciu en marzo de 2022 coa comunicación de maneira unilateral da extinción do contrato de traballo por parte do Concello da Coruña "tras serlle recoñecida unha incapacidade polo INSS por mor dos seus problemas de saúde". O propio afectado, Francisco Peña, subliñaba ás portas dos xulgados que o Concello "sabe que o convenio colectivo do persoal laboral obriga a dar un posto de segunda actividade, pero non o fixo".
Para Peña, que naquela altura era delegado sindical, son múltiples "as razóns polas que o Concello non me podía despedir nin anular o meu contrato", e pon a atención en que a propia alcaldesa "se comprometeu comigo a solucionar este problema, pero nunca negociaron e a única proposta que me fixeron era ridícula e nin sequera incluía o pago dos atrasos".
Cualifica de "vergoña" que a un traballador do concello "con 40 anos de servizo e unha minusvalía do 65% se lle trate desta maneira". Peña entende que este "maltrato" responde a unha decisión política polo que, asevera, "o único que estou pedindo é xustiza". Por iso, na demanda presentada reclámase a declaración de improcedencia coa reincorporación nun posto compatíbel coa súa discapacidade e o abono dos salarios de tramitación.