Concentración nos Xulgados da Coruña contra a represión sindical na xustiza e en apoio á compañeira Chelo
A CIG desenvolveu unha concentración este luns diante do antigo edificio da Audiencia Provincial da Coruña en rexeitamento á represión sindical que están a sufrir, máis de seis meses despois de rematado o conflito, delegados e delegadas sindicais por exercer a súa labor durante a folga de xustiza. Nesta circunstancia atópase á compañeira Chelo Rodríguez, delegada da CIG na Administración de Xustiza, que está pendente dun expediente disciplinario e de dous xuízos por delitos, a raíz das denuncias presentadas pola Fiscalía provincial por feitos acontecidos no marco da folga.
Agárdase sentenza absolutoria no primeiro xuízo
Coincidindo coa primeiro destes xuízos -no que están afectados diversos membros do comité de folga-, a CIG realizou esta mañá unha concentración "que terá continuidade no tempo, con protestas mensuais até que se resolvan os procesos", adiantaba o secretario da CIG-Xustiza, Xesús H. Sánchez.
A saída do xuízo, o sindicalista explicou que, a pesar da insistencia da Fiscalía, non se puido identificar a ningunha persoa implicada nos feitos denunciados, "polo que o xuíz terá que ditar sentenza absolutoria". Demóstrase así, subliña, que non había motivos para levar os feitos máis alá do contexto da folga e abrir instrución. "Estes procesos non son máis que outra forma de represión sindical contra aqueles traballadores e traballadoras máis reivindicativas e contra os sindicatos que non asinaron o mal acordo de xustiza, argallado de costas ao persoal", valoraba.
Críticas pola actuación da Fiscalía
Sánchez informou que os dous procesos abertos por delitos de coacción, un no Xulgado de Instrución nº 8 celebrado hoxe, e outro aínda en fase de instrución no Xulgado nº 1, foron instados pola Fiscalía "que só está actuando deste xeito na provincia da Coruña". Así, expuxo o exemplo de Pontevedra, onde a Fiscalía arquivou unha denuncia por unha situación similar e "noutras provincias ocorreron feitos semellantes, no contexto da folga e da tensión que pode haber entre folguistas e a autoridade pola interpretación dos servizos mínimos, pero as cousas non foron máis alá. Porén, na Coruña, a Fiscalía seguiu adiante con dúas denuncias e hai un expediente disciplinario aberto contra Chelo", critica.
Sobre os feitos xulgados hoxe, Sánchez destacou que aconteceron ao pouco de iniciarse a folga no sector e refírense a unha chamada de atención do piquete informativo ao xuíz de Instrución do xulgado nº 4 "que estaba realizando as labores de auxilio xudicial, que é unha función propia do persoal en folga. A nosa sorpresa foi que a Fiscalía presentara denuncia de oficio, e que nin sequera se foi á instrución senón directamente a xuízo".
Expediente disciplinario paralizado
Pero ademais deste proceso, a compañeira Chelo ten un expediente disciplinario aberto por uns feitos ocorridos coa Letrada do Xulgado do Penal nº 6, que quedou en suspenso xa que, a á apertura do expediente seguiulle á apertura de instrución por eses mesmos sucesos. A denuncia que motivou a instrución tivo a súa orixe na queixa presentada por esta funcionaria diante do TSXG despois de que un piquete informativo falase con ela nunha das xornadas da folga por mor da interpretación abusiva dos servizos mínimos.
O Tribunal trasladoulla á Dirección Xeral de Xustiza, que abriu un expediente disciplinario que quedou suspendido porque tamén o Xulgado de Instrución abriu dilixencias previas por coaccións. "Estamos ante unha clara persecución contra os delegados e delegadas sindicais máis reivindicativas na folga de xustiza e unha caza de bruxas contra daquelas centrais que non asinaron o acordo. Sobra dicir que esta segunda denuncia apareceu unha vez rematado a folga".
Campaña de represión
Para o responsábel de Xustiza da CIG atopámonos ante unha campaña de represión froito dunha decisión política que "busca penalizar as organizacións que defenden os dereitos dos traballadores/as e servir de exemplo para o resto do persoal do sector público" á hora de reivindicar melloras salariais e laborais.
Sobre a situación actual do conflito, Xesús Sánchez asegura que está pechado en falso, porque o acordo -cuxo contido as centrais asinantes nunca explicaron ao persoal- non remata coa discriminación laboral e salarial que levou á convocatoria de folga nin tampouco resolve os problemas da falta de persoal.
Escurantismo da comisión de seguimento
Sánchez criticou ademais o escurantismo da comisión de seguimento creada para supervisar a aplicación do acordo que está furtando competencias da Mesa Sectorial, "o que constitúe unha ilegalidade absoluta". De feito, dende o outubro do pasado ano non houbo unha convocatoria real da Mesa, posto que a xuntanza de maio convocouse unicamente “para que os sindicatos vendidos” puideran ratificar o acordo coa Xunta.
Diante destas actuacións e da vulneración do dereito á negociación colectiva, a CIG-Xustiza ten presentado recurso Contencioso-Administrativo contra a Xunta de Galiza, pois a pesar da central solicitar en numerosas ocasións as actas da comisión non lle foron facilitadas na súa totalidade, nin se trasladaron á Mesa Sectorial para a súa negociación, os temas tratados neste órgano.