Concentración no SMAC en protesta pola inxusta sanción imposta por Lidl a un delegado do almacén de Narón
A CIG-Servizos concentrouse este xoves en protesta pola sanción inxusta imposta a un delegado da central nacionalista no comité do almacén de Lidl en Narón. A mobilización realizouse diante do SMAC coincidindo coa celebración do acto de conciliación, que rematou sen avinza polo que o recurso continuará agora en vía xudicial.
O pasado mes de marzo celebráronse as eleccións sindicais neste centro de traballo, as primeiras tras o conflito laboral vivido o ano pasado e que derivou nunha convocatoria de folga que se estendeu durante máis de cen días.
A resposta da transnacional alemá ao conflito consistiu na vulneración da lexislación, boicoteando o dereito á folga ao derivar traballo da plataforma de Narón a outros almacéns próximos que se ocuparon de abastecer as tendas durante o paro indefinido. Así quedou acreditado, subliña a CIG-Servizos de Ferrol, polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en sentenza de novembro de 2023.
Con este contexto de fondo e xusto aos dous meses de celebrárense as eleccións, "a empresa comezou unha campaña de represión sindical e amedrentamento contra o persoal que lles plantou cara, tratando inutilmente de intimidar a representación da CIG no centro de traballo". Esta "declaración de intencións da empresa" incluíu a imposición dunha sanción inxusta a un delegado da CIG, coa que Lidl "pretende intensificar a campaña de medo e división do persoal que practica dende sempre".
Cristina Martínez Padín, da federación de Servizos, apunta que na sanción se acusa o compañeiro de mirar o móbil no posto de traballo, cando precisamente Lidl comunica os horarios e as ordes de traballo a través dunha app. "A empresa utiliza esta artimaña para sancionalo, meter medo e presionar o persoal. Porque ademais, este traballador saíu elixido delegado por primeira vez nestas últimas eleccións e foi un dos que máis se mobilizou durante a folga do pasado ano", subliña.
Por iso, durante a concentración deste xoves tamén se quixo denunciar a faciana amábel que a compañía vende investindo millóns en publicidade, pero que choca de fronte "coa realidade que viven as persoas traballadoras".
A este respecto, a CIG-Servizos de Ferrol, denuncia a faciana amábel que a compañía vende investindo millóns en publicidade, pero que choca de fronte "coa realidade que viven as persoas traballadoras". Por iso, advirte, "non imos tolerar máis represión sindical neste centro de traballo".