Concentración no SMAC de Vigo contra a represión en Barreras e pola readmisión de Rafa Pérez
A CIG convoca para o vindeiro mércores, día 18 de agosto, ás 12:30 horas, unha concentración diante do SMAC (Teófilo llorente nº 6) en demanda da readmisión do delegado sindical despedido por Barreras a principios de xullo e para denunciar a represión sindical na empresa.
Rafa Pérez recibiu a comunicación do despedimento, o pasado 2 de xullo, por correo electrónico e mediante burofax. Comunicación na que, ademais, a empresa indicaba que rexistrinxía o seu acceso ás instalacións.
Para xustificar a súa decisión Hijos de J. Barreras S.A. imputáballe dúas faltas por presunto abandono do posto de traballo e por ter supostamente facilitado o acceso ás instalacións para realizar unha ocupación simbólica das instalacións do estaleiro, o pasado 27 de maio, poñendo en perigo os compañeiros/as por incumprir o protocolo covid. Cuestión que o propio Pérez afirma que son absolutamente falsas e que a empresa inventou para despedilo.
Represión sindical
Para a CIG é claro que se trata dunha acción represiva para intentar amedrentar e calar a quen reclama a continuidade do emprego, que foi despedido por defender os dereitos dos traballadores/as e reclamar un futuro industrial para a comarca, nomeadamente para o sector naval e para a propia Barreras.
Por iso a central sindical convoca esta concentración diante do SMAC de Vigo en demanda da readmisión do compañeiro despedido e en contra da represión sindical en Barreras.