Concentración no ISM de Corcubión para demandar atención médica e que non peche esta oficina
A CIG, apoiada polos representantes dos mariñeiros/as das confrarías da Costa da Morte afectadas pola falla de atención sanitaria, concentrouse este sábado ante o ISM de Corcubión para protestar polo peche desta oficina e esixir que se cubra a vacante do servizo médico.
Hai que ter en conta que neste centro local se realizan os recoñecementos médicos e outro tipo de actuacións sanitarias aos/ás traballadores/as do mar dos concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso, Carnota e Malpica, "que agora teñen que desprazarse até á Coruña co conseguinte gasto económico e a perda de tempo que lles impide saír ao mar faenar", advertiu Xabier Santos, responsábel da Unión Local da CIG de Cee.
Santos agradeceu a presenza dos e das representantes do sector directamente afectados, pois a pesar do mal tempo, a choiva e a emerxencia sanitaria, na protesta participaron arredor de 150 persoas.
O responsábel sindical lembrou que a CIG, dende o primeiro momento, elevou as queixas oportunas e demandou da Executiva Provincial e do Consello Xeral do ISM o mantemento da atención sanitaria que se presta no centro do ISM de Corcubión. Sinalou que central mantivo diversas reunións coa Dirección Provincial do ISM da Coruña esixindo a cobertura da praza vacante deixada polo médico da oficina, pero a resposta do organismo foi sempre que había unha reestruturación do sector e que se pretendía centralizar o servizo na Coruña.
"Isto ocasiona os mariñeiros e mariñeiras a perda de un ou varios días de mar, gastos de transporte e de manutención ao ter que desprazarse a máis de cen quilómetros dos seus centros de traballo e de residencia". Ademais advertiu que esta centralización xa está a provocar a saturación do servizo na Coruña e neste momento non se dan citas até o ano 2021. Polo que moitos destes traballadores/as non van poder traballar por non teo recoñecemento médico actualizado.
Santos engadiu que as últimas reestruturacións do ISM -levadas a cabo polo PSOE no ano 2009- supuxeron pechar as oficinas espalladas pola Costa da Morte. A este respecto, denunciou que existe unha precarización das condicións laborais do persoal médico "co único obxectivo de privatizar os recoñecementos médicos e transvasar diñeiro público a mans privadas".
A CIG e o sector do mar non van a permitir este atropelo e maltrato ao sector e apelan a continuar coas mobilizacións "co fin de conseguir manter aberta a oficina do ISM e a mellora das condicións laborais dos seus traballadores/as e dos traballadores/as do mar".