Concentración no Hospital Clínico para esixir "máis persoal e menos precariedade"
Traballadoras e traballadoras da sanidade pública dá área de Santiago concentráronse este xoves diante do Hospital Clínico para denunciar a falta de persoal, o deterioro das súas condicións de traballo, que se está a vulnerar o seu dereito ao descanso e para esixir unha atención de calidade ás usuarias e usuarios.
Na protesta, convocada pola CIG-Saúde de Compostela-Barbanza, advertiuse que non se están a cubrir as ausencias do persoal de vacacións, o que deriva en demoras nas citas, a supresión dalgúns controis, atraso na oferta de presencialidade nos centros, que non haxa citas para atención etc. "É o persoal quen ten que dar a cara e explicacións aos usuarios e usuarias por esta situación e xa se deron algúns casos de violencia e discusións por este motivo cara os/as profesionais dos centros", advertiron.
Esta falta de persoal, que CIG-Saúde denuncia xa é estrutural, conleva tamén un aumento da carga laboral e a diminución da calidade asistencial que se presta ás e aos doentes. "Os e as profesionais teñen que facer cargo dos cupos que non se cobren, dobrando o seu volume de traballo dentro xornada laboral e sempre tratando de manter o sistema grazas ao seu esforzo persoal", salientan.
Un esforzo que non se ve recompensado pola Xerencia, que de maneira continuada ataca o dereito á conciliación da vida familiar e laboral, ao denegar sistematicamente permisos en varias categorías profesionais.
Neste senso, CIG-Saúde de Compostela critica que non se están a tomar as medidas necesarias por parte da dirección de Enfermería e de Recursos Humanos, principalmente, para garantir o goce dos días de libre disposición, ao igual que se está a facer noutras áreas de xestión mediante resolucións.
Xunto a isto, a representación da CIG alerta da situación persistente de falta de persoal nas listas de contratación. "Persiste nos anos a situación dos/as médicos/as de familia e de pediatría e outras categorías profesionais, sen que até o momento se tivesen en conta as alertas de falta de persoal que ía provocar a xubilación do persoal e que se notificaron no seu momento e coa antelación suficiente".
Peche de camas e aumento das listas
Pero tampouco se cobren as ausencias do persoal naquelas categorías nas que si hai persoal dispoñíbel nas listas de contratación, como é o caso de Farmacia de atención primaria, o que a obriga os usuarios/as a ter que desprazarse a quilómetros do seu punto de atención habitual. No caso do servizo de Farmacia de Atención Hospitalaria, a sección de elaboración de Metadona, por exemplo, péchase pola non substitución do/a farmacéutico/a co conseguinte trastorno para as persoas usuarias.
A todo isto hai que engadir o peche de 91 camas hospitalarias durante o período estival que conleva un peche secundario: de quirófanos, de consultas,... "o que volve implicar un atraso para a cidadanía en listas de agarda xa saturadas".
Así, CIG-Saúde de Compostela pon como exemplo a suspensión de TAC e resonancias por parte do Servizo de Radioloxía en quenda de tarde, coa conseguinte anulación de citacións e o aumento da demora.
Na concentración denunciouse tamén a marcha de profesionais cualificadas/os e formadas/os na área sanitaria debido ás condicións de contratación ofertadas, como é o caso do persoal cirurxián pediátrico, deixa o cadro deste persoal baixo mínimos con só tres efectivos para a atención continuada e sendo o Clínico un hospital de referencia".