Concentración en Guitiriz para esixir a readmisión dun traballador do GES
O Concello de Guitiriz foi o escenario no que se desenvolver este mércores unha concentración para esixir a readmisión dun traballador do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), despedido tras varias denuncias interpostas -pola CIG e polo propio afectado-, contra os incumprimentos nas condicións laborais do persoal do GES e deste traballador en particular. Para a CIG de Lugo-A Mariña estamos diante dun caso manifesto de represión sindical e cun carácter exemplificador de cara ao resto do persoal.
Durante a protesta, que se prolongou por espazo de unha hora, entrouse ao interior da casa consistorial co obxectivo de conseguir unha entrevista coa alcaldesa, que non se puido producir xa que a rexedora non se atopaba no concello.
O secretario de Organización da CIG de Lugo, Lois Neto, indicou que a central ten solicitada tamén unha reunión co Director Xeral de Emerxencias para abordar a situación xeral na que se atopa o GES de Guitiriz, e en particular o que está a acontecer co traballador despedido, así como para instar a implicación da Xunta neste conflito.
Violación de dereitos laborais
Explica Neto que no Concello de Guitiriz conflitividade social por violación de dereitos laborais básicos prodúcese de continúo e "caprichosamente" se negan aos traballadores e traballadoras días de asuntos propios, vacacións, ou concreción horarias nas reducións de xornadas.
De feito, as denuncias presentadas pola CIG na Inspección de Traballo refírense á falta de EPIs, ao problemas para conciliar a vida familiar a laboral debido a que os cadrantes de quenda se elaboran cada semana; o impago do plus de nocturnidade segundo o estipulado no convenio colectivo do concello; ou o goce das vacacións.
No caso concreto do traballador despedido, que o Concello pretende xustificar alegando non superar o período de proba, este presentou unha denuncia polas vacacións e outra porque non lle concederon permiso para acudir a un curso en emerxencias que tiña solicitado, "negándolle así o seu dereito á formación".
Así as cousas, a CIG advirte que vai desenvolver unha campaña intensa reclamando a readmisión do traballador represaliado, utilizando todas os recursos dispoñíbeis, tanto no aspecto xudicial como no sindical e social.