Concentración na Coruña para esixir alternativas de emprego ao persoal das auxiliares de Meirama
A CIG realizou unha concentración este venres diante da Subelegación do Goberno na Coruña para esixir alternativas de emprego para os traballadores e as traballadoras das auxiliares da central térmica de Meirama, tendo en conta que non hai ningún proxecto industrial para a comarca e que Naturgy nin sequera quere contar con este persoal para as obras de desmantelamento das instalacións.
Dende que se anunciou o peche das instalacións, tanto as auxiliares como Naturgy negáronse de maneira reiterada a negociar solucións transitorias para dar continuidade aos postos de traballo nas contratas, deixándolles como única saída o desemprego, no que se atopan dende o 16 de setembro. A isto hai que engadirlle que, a día de hoxe, o goberno español aínda non concretou que proxectos e medidas pode haber para a comarca dentro da estratexia de transición, nin se avanzaron plans específicos para dar solución ao futuro laboral dos traballadores e das traballadoras.
A CIG-Industria da Coruña cualifica de incomprensíbel que este colectivo de traballadores/as teña que ir ao paro cando está prevista actividade inminente na central nas tarefas de desmontado, que se estenderán cando menos durante os próximos catro anos. Neste senso, denuncian que Naturgy "segue facendo o que lle pete sen asumir ningún tipo de responsabilidade social polo dano causado pola produción de enerxía".
A CIG leva tempo advirtindo que a chamada descarbonización da economía no noso país está sendo un proceso de desmantelamento total, pero para nada un proceso de transición; polo que urxe as administracións a presentar solucións para que esta transición sexa realmente xusta e democrática, no social e no territorial.
Dende a Federación de Industria tamén acusan a Xunta de deixamento de funcións pois, a pesar de ter competencias en materia de emprego e industria, está máis preocupada por garantir a posición de privilexio de Naturgy que por buscar solucións e proxectos de reindustrialización para a bisbarra.