Concentración na sede de Inditex en Arteixo en demanda de melloras laborais en Lefties
O comité de empresa de Lefties (CIG, CCOO e UGT) convoca para este xoves, día 22 de xuño, ás 12:00 horas, unha concentración diante da sede principal de Inditex, en Arteixo, en protesta pola “reiterada actitude de desprezo” da Dirección da empresa polos dereitos das traballadoras e traballadores de Lefties e en demanda de melloras nas condicións laborais que veñen reclamando desde hai tempo.
Entre as súas demandas o comité sinala, a nivel económico, o incremento na porcentaxe de comisión de todo o persoal de Lefties e incentivos equiparados aos que se cobran no resto das tendas da mesma empresa. A este respecto lembran que “Lefties é Zara España S.A. e non unha cadea independente”.
Respecto das melloras laborais exixe a redución da excesiva carga de traballo mediante a oferta de horas ou ampliación de persoal e a eliminación da exixencia de xustificación nas solicitudes de redución de xornada por garda legal. Unha exixencia que entenden que supón “unha grave intromisión na intimidade e vida persoal das traballadoras”.
Acoso e discriminación
O comité asegura que é coñecedor de casos de acoso e discriminación laboral que “crean conflitos persoais e tensións entre as traballadoras”. Denuncia que, porén, nin a Dirección da empresa nin a Dirección de Tendas “fixeron nada efectivo até o de agora para atallar de maneira efectiva estes comportamentos.
Explica ademais que o único que se fixo foi iniciar uns “protocolos de averiguación” de maneira unilateral “sen consultar, nin dar participación ao Comité de Empresa, polo que se realizaron sen a transparencia necesaria”. Por iso advirte que “non imos permitir este estilo de dirección” e demanda “que se nos xulgue unicamente polo noso traballo, non por outras circunstancias discriminatorias e alleas á relación laboral”.
Seguridade nas tendas
Polo que respecta á seguridade nas tendas, o comité de empresa asegura que, tras dunha longa loita, a empresa vai contratar un vixilante de seguridade para a tenda de Torreiro. “esperemos que sexa unha medida permanente e non un apaño temporal como noutras ocasións”, conclúe.