Concentración na oficina principal de Correos en Ferrol para denunciar a sobrecarga de traballo polos recortes na contratación
A CIG-Correos realizou unha concentración este venres diante da Oficina Principal de Correos de Ferrol para denunciar a sobrecarga de traballo que están sufrindo os traballadores e traballadoras da comarca "debido ao brutal recorte da contratación que está a levar a cabo a empresa postal".
Así, explica Sandra Otero, delegada da CIG en Correos, "non se contrata para cubrir nin o emprego estrutural, nin permisos, nin baixas, nin ningún tipo de ausencias, polo que os traballadores e traballadoras que estamos en activo, ademais das nasas zonas de reparto, vémonos na obriga de asumir, a maiores, o reparto das zonas que quedan sen repartir". Explica Otero que en Ferrol, habitualmente hai 5 seccións de reparto, polo que a falta de contratacións provoca que se incremente tanto a carga de traballo como o número de km que ten que percorrer o persoal a diario.
A empresa xustifica estes recortes pala caída da actividade no sector postal tradicional, pero obvia o incremento da paquetería (entre un 50 e un 200%), sobre todo nestes tempos de pandemia, ou da correspondencia certificada (que aumentou un 500%).
"Correos está a incumprir sistematicamente nesta comarca a súa abriga, como prestador do servizo postal universal, de repartir a correspondencia cando menos 5 días á semana, por non dotar as oficinas co persoal suficiente, quedando en moitas ocasións barrios sen reparto, co conseguinte prexuízo para as persoas usuarias", denuncia a CIG-Correos.
Neste senso, Otero apunta ás "interminábeis" colas que se forman nas oficinas para tramitar ou recoller un envío, como mostra evidente do deterioro do servizo postal debido á falta de persoal.
Servizo esencial
"Temos que lembrar que dende o inicio da pandemia da Covid-19, Correos foi nomeado servizo esencial e prestamos os nosos servizos na rúa diariamente, asumindo o correspondente risco para a nosa saúde. De feito, Correos foi na primeira vaga o segundo sector con máis contaxios, despois dos profesionais da saúde", subliña.
A delegada da CIG engade que "realizar o noso traballo, coñecendo o risco a que estabamos expostos todos os días, supuxo un sobre esforzo para todos os traballadoras e traballadores que nunca foi recoñecido nin retribuído por Correos, o único agradecemento que tivemos da empresa foi o aumento da carga de traballo que temos que asumir polos recortes na contratación, demostrando a empresa un desprezo absoluto polos seus traballadores e traballadoras".