Concentración en Abanca polo despedimentos executados en Caixa Geral
Traballadores e traballadoras do Grupo Abanca concentráronse esta mañá diante da oficina principal na Coruña en rexeitamento aos despedimentos que se están a producir en Banco Caixa Geral, xusto despois de ser adquirida pola entidade galega. Para a Federación de Banca da CIG esta medida constitúe un intento de Abanca de amedrentar o persoal ante a aplicación dun posíbel ERE cando se complete o proceso de fusión.
Dende o pasado 14 de outubro, cando se efectivizou a compra, "principiou unha caza de meigas, consistente na aplicación de despedimentos selectivos sen causa obxectiva. Até agora, despediron a dez persoas, seis en servizos centrais e catro na rede comercial", explica o secretario da sección sindical da CIG en Banco Caixa Geral, Xavier Fernández. Desas catro traballadoras e traballadores da rede, dúas pertencen a oficinas de Galiza (unha de Vigo e outra de Marín).
Con estes despedimentos arbitrarios, denuncia Fernández, Abanca pretende meterlle medo a todo o persoal de Banco Caixa Geral para que cando se produza a previsíbel fusión, que se supón será no mes de marzo do próximo ano, "xa saiban cales son as directrices laborais que utiliza Abanca, de acoso laboral e de medo, para traballar baixo presión continua".
Os despedimentos, práctica habitual na xestión dos RRHH en Abanca
O secretario da sección sindical da CIG engadiu que tras da compra "xa se comezou a notar un desembarco de directivos de Abanca en Caixa Geral "cos consecuentes problemas de despedimentos" e cambio de modelo nas relacións laborais. "Con esta mobilización queremos paralizar os despedimentos e advertir que non imos consentir abusos laborais e que se acose as traballadoras e traballadores", apuntou.
Nesta liña, Fernández xa adiantou que esta é unha primeira mobilización pero non se descarta intensificar as accións de protesta, mesmo convocando paros parciais ou folga, se Abanca non recúe na súa política laboral. Dende a CIG-Banca denuncian que o que está a acontecer en Caixa Geral é un exemplo máis da "violencia empresarial" exercida por Abanca, que "utiliza os despedimentos como ferramenta habitual na xestión dos recursos humanos".