Concentración na fábrica de Ferroatlántica de Sabón este xoves día 28 de marzo
A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro xoves 28 de marzo, as 17:30 horas, diante da fábrica de Ferroatlántica de Sabón. Unha convocatoria que dá continuidade ao calendario de mobilizacións que a central está a desenvolver para urxir dos Gobernos solucións definitivas para a industria con grandes consumos enerxéticos e evitar o peche de empresas e a destrución do postos de traballo.
Con esta mobilización a CIG demanda, máis unha vez, unha tarifa industrial máis xusta, competitiva e predicíbel para a industria electrointensiva e demanda do Goberno español que, de maneira inmediata, a poña en marcha.
Para a central sindical a agónica situación que atravesa a nosa industria non permite demoras na aplicación de medidas, que seguen a estar condicionadas pola conta atrás para evitar a execución dos despedimentos na fábrica de Alcoa, que remata o 1 de xullo, e polo fraudulento ERTE de Ferroatlántica nas fábricas de Cee e Sabón.
O secretario Xeral, Paulo Carril urxe a pór en marcha a proposta que a CIG presentou xa o pasado mes de outubro -e que xa trasladou en numerosas ocasións aos Gobernos español e galego, así como á patronal sectorial- para a creación dunha tarifa industrial estábel e predicíbel e que recoñeza o estatuto específico das industrias electrointensivas.
Carril considera intolerábel “que se espolien os nosos recursos naturais e que as fábricas galegas estean na ruína por problemas co prezo da enerxía, cando Galiza é produtora e exportadora de enerxía, e que isto non reverta no noso desenvolvemento económico e na creación de postos de traballo na nosa terra".