Concentración na Coruña en solidariedade cun traballador do metal xulgado pola súa participación nas mobilizacións polo convenio
Delegadas e delegados da CIG concentráronse esta mañá diante dos xulgados da Coruña en rexeitamento á represión sindical e en solidariedade co traballador do metal que está sendo xulgado pola súa participación nas mobilizacións que o sector realizou en 2022 en defensa dun convenio colectivo digno.
Hai que lembrar que este traballador fora detido nunha actuación arbitraria da policía nacional ao remate dunha manifestación na Delegación do Goberno, despois de ser reducido por un numeroso grupo de axentes e malia non ter ofrecido resistencia nin oposición.
Tras estes feitos, a policía nacional presentou denuncia no xulgado, que arquivou a causa. Porén a Fiscalía recorreu a decisión, dando lugar á reactivación do proceso e ao xuízo que se celebrou este mércores.
No momento da detención, a CIG xa trasladara á Subdelegación da Coruña a súa preocupación e as críticas por esta actuación policial totalmente desproporcionada. Agora a Fiscalía pide para o traballador un ano de prisión por delito de atentado e dous meses de multa por lesións.
O secretario comarcal da CIG-Industria, Eduardo Caamaño, subliñou durante a concentración que non hai delito que imputar, e así se aprecia nos vídeos que hai desa xornada, xa que o compañeiro se limitou a exercer o seu dereito a manifestarse por unha reivindicación xusta como ter un convenio digno. "Entendemos que o traballador debe ser absolto, tal e como determinou a xuíza nun primeiro momento. A loita obreira non pode ser criminalizada xa que é unha loita lexítima pola mellora das condicións de vida e de traballo", reitera.
Neste senso, na concentración tamén se reclamou a derrogación da denominada de lei mordaza e todas as leis que só teñen como obxectivo perseguir e criminalizar a mobilización social.