Concentración en Tragsatec para esixir melloras na seguridade do persoal veterinario que fai o saneamento gandeiro
A CIG realizou este xoves unha concentración diante das oficinas de Tragsatec en Lugo para esixir de melloras de seguridade para o persoal veterinario e que non se repitan accidentes como o que lle custou a vida a un compañeiro mentres estaba realizando os labores de saneamento gandeiro nas Nogais.
Por estes feitos, a CIG presentou a pasada semana denuncia na Inspección de Traballo "para esclarecer o accidente laboral, comprobar as deficiencias no referente á materia de seguridade e saúde laboral coas que o persoal do saneamento gandeiro traballa, así como depurar as responsabilidades correspondentes".
A CIG entende que tanto a Xunta de Galiza como Tragsatec, a empresa á que a Administración ten encomendado este servizo público, teñen responsabilidades na morte deste traballador, por canto se están a priorizar criterios de rendibilidade económica fronte ao criterio da seguridade. Por iso, á concentración deste xoves seguiralle outra protesta o vindeiro xoves, 2 de xullo, mais desta volta diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo.
A este respecto, a CIG-Administración explica que este persoal ten que realizar "xornadas maratonianas, cumprir lotes semanais de número de reses a sanear imposíbeis de sacar adiante en condicións seguras, sen nin sequera dispoñer de mangas para a suxeición destes, e coa obriga, ademais, de realizar o traballo unha persoa soa, cando antes esta tarefas se facían en equipos de dúas persoas".
Lembran que a Consellaría do Medio Rural encomendou á empresa pública Tragsatec a realización dos programas de sanidade e produción animal para o ano 2020 por máis de sete de millóns de euros e critica que sexa a propia Administración a que fomente esta situación de explotación laboral e consinta nas presións que se exercen dende a empresa para que se execute unha carga de traballo "allea ao razoábel".
Diante disto, a CIG esixe da Consellaría que adopte medidas para garantir a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras e que exerza a necesaria coordinación de actividades que como administración ten que cumprir.