Concentración en solidariedade coas persoas presas palestinas en folga de fame nos cárceres israelís
Compostela acolleu, o pasado venres día 19 de maio, unha concentración en solidariedade cos presos e presas palestinas en folga de fame nos cárceres israelís. No decurso da protesta, convocada pola ‘Asociación Galaico Árabe Jenin’ (Comunidade Palestina en Galiza), deuse lectura a un manifesto subscrito pola CIG no que se denuncian as violacións de dereitos humanos que padecen as persoas presas e se exixe do Ministerio de Asuntos Exteriores que se pronuncie neste sentido.
Máis de mil seiscentos presos políticos palestinos están en folga de fame neste momento nunha acción sen precedentes como protesta polas condicións infrahumanas nas que viven. Ante as humillacións, torturas, carencia de atención sanitaria, alimentaria e educativa, os presos políticos palestinos, como en ocasións anteriores, tomaron a firme determinación de realizar unha folga de fame até que as súas xustas peticións sexan atendidas.
Despois de catro semanas desta terrible folga de fame en condicións extremas, a resposta das autoridades israelís non foi senón o aumento de medidas represoras, disciplinarias, o illamento dos presos, a prohibición de acceso aos seus avogados, a supresión das visitas das familias e a dispersión dos folguistas noutras prisións.
Dada a gravidade da situación,
- denunciamos e condenamos as violacións dos dereitos humanos que se están producindo con estes presos e expresamos a nosa preocupación pola súa situación,
- instamos o Goberno israelí a cumprir as normas prescritas polo dereito internacional humanitario e
- esiximos que se levanten as restricións ás comunicacións e visitas dos seus familiares e os seus avogados, o acceso á atención médica, a material educativo, etc.
Por outra banda, esiximos ao Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación de España que manifeste a súa preocupación pola gravísima violación dos dereitos humanos que se está producindo en relación aos presos políticos palestinos e do dereito humanitario internacional por parte do Estado Israel.
Convocamos á sociedade civil a manifestar a súa solidariedade cos presos políticos palestinos e as súas reivindicacións así como en defensa dos dereitos humanos.
Asociación Galaico Árabe Jenin (Comunidade Palestina en Galicia)