Concentración en Servicios Sanitarios del Cantábrico para denunciar o acoso que sufre un ex delegado
Baixo o lema "Máis dereitos e menos represión", a CIG concentrouse esta mañá diante da sede de Servicios Sanitarios del Cantábrico, do grupo Ambuibérica, para denunciar o acoso laboral que está a sufrir un traballador, que foi delegado de persoal pola CIG. A protesta realizouse tamén con motivo do acto de conciliación celebrado no SMAC, a causa da sanción que a empresa lle impuxo ao traballador por darlle un golpe á ambulancia durante un servizo.
Dende a FGAMT-CIG queren trasladar con esta mobilización "todo o noso apoio ao compañeiro Carlos polo acoso laboral e a represión sindical que está a sufrir por parte de Servicios Sanitarios del Cantábrico", que ten adxudicado o servizo do 061 na comarca de Ferrol.
A orixe desta persecución, explica Beatriz Fernández, secretaria comarcal da FGAMT-CIG, vén de anos atrás, cando o traballador, exercendo as súas funcións como delegado de persoal, presentou varias denuncias na Inspección de Traballo que derivaron na imposición de sancións económicas e administrativas á empresa.
Agora, a compañía sanciona o traballador con seis días de emprego e salario por sufrir un golpe coa ambulancia durante a activación dun servizo. O feito aconteceu o pasado 4 de xullo e foi posto de inmediato en coñecemento da empresa "tal e como establecen os protocolos desta". Porén, o 22 de xullo, a empresa comunícalle ao propio traballador e ao comité a apertura dun expediente con esa data, que remata coa imposición da sanción.
"Denunciamos a actitude despótica e caciquil desta empresa, especialmente do seu responsábel na Galiza, Enrique Blanco, que no canto de asumir as malas praxes do persoal que realiza as tarefas de “responsábel da base”, se dedica a impor e permitir sancións arbitrarias", asevera Fernández.
Neste senso, subliña que en 24 anos de servizo, o traballador non tivo nin un só apercibimento nin sanción, e que os seus compañeiros ratificaron que o golpe do vehículo foi totalmente fortuíto. "Aínda así, a empresa de xeito unilateral e sen realizar investigación previa, impón unha sanción que o único que persigue é facer recuar as traballadoras e traballadores que reclamen os seus dereitos".
Así as cousas, dende a CIG-FGAMT advirten "que non imos consentir este tipo de comportamento cara ás delegadas e aos delegados da central sindical".