Concentración en María Pita contra a represión sindical a unha delegada da CIG no Concello da Coruña
A CIG concentrouse este venres diante do Pazo de María Pita en solidariedade coa compañeira Cristina Díaz e para rexeitar o acoso e as represalias que está a sufrir por parte do Concello da Coruña. Para a sección sindical, a sanción que lle acaban de impor forma parte da persecución do concelleiro de Persoal contra a representación da CIG polo traballo sindical de denuncia das irregularidades e ilegalidades na xestión do persoal e o abuso das comisións de servizo.
Na concentración reiterouse que a CIG non vai consentir estes actos de represalia que son un ataque directo ao traballo sindical e á defensa dos intereses das e dos empregados públicos e lembrouse que a apertura do expediente á compañeira efectuouse seis meses despois de acontecer os feitos investigados e tras as denuncias nos xulgados contra as resolución dos procesos de cobertura, chegando a gañar Díaz unha sentenza porque lle denegaron o acceso a un posto superior.
Isto sumado á inquina persoal que lle manifesta Lage Tuñas á delegada da CIG e á loita que central nacionalista a leva anos desenvolvendo contra as comisións de servizos ilegais e a falta de execución das sentenzas e de transparencia na cobertura de postos, derivou no inicio dun expediente sancionador cuxa resolución se prolongou durante máis de ano e medio. Non foi, de feito, resolto na anterior lexislatura, senón no inicio do novo mandato e despois da denuncia presentada pola CIG na Fiscalía polas fraudes de lei na provisión de postos do Concello da Coruña.
Ademais, todo o proceso, incluído o instrutor do expediente, fíxose por persoal que está ocupando unha comisión de servizo ilegal. Agora mesmo, está en trámite o recurso de reposición presentado por Díaz e, en función do que se resolva, acudirase á vía contecioso-administrativa.
Por estas razóns, para a sección sindical da CIG todo este procedemento é consecuencia do traballo sindical de denuncia contra a xestión de persoal, o uso arbitrario das comisións de servizo, a súa ilegalidade e a non execución das sentenzas en contra que por este motivo acumula o Concello da Coruña. Ante a gravidade dos feitos, acordaron iniciar unha campaña de mobilización e denuncia pública e para manifestar o apoio á compañeira e representante do persoal funcionario, que arrancou este venres coa protesta en María Pita.
A representación da CIG subliña que o PSOE chegou a María Pita en 2019 xa cunha sentenza sobre 150 comisión de servizo pendente de executar (e que obriga ao cese destas comisións). Pero no lugar de executala, "Lage Tuñas dedicouse a enmarañar a provisión de postos sobre unha situación xa complicada de por si", promovéndose novas comisións mentres os concursos están paralizados ou sen data programada.
Fronte a esta xestión irregular do persoal, a sección sindical reclama que se cumpra coa legalidade e que se proceda á cobertura dos postos de traballo do Concello garantindo os principios de igualdade, mérito e transparencia que se lle presupoñen ao acceso á función pública, así como o dereito á carreira profesional que todos os empregados e empregadas das administracións.