Concentración en Lavacolla contra a represión sindical e lingüística na empresa pública ENAIRE
A FGAMT-CIG convocaba esta mañá unha concentración no aeroporto Rosalía de Castro para denunciar a vulneración de dereitos sindicais e lingüísticos tan básicos como “o dereito á información, á representación sindical e ao emprego do noso idioma”. Vulneracións que se dan precisamente por parte dunha empresa pública como ENAIRE, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e que conta cun centro de traballo no Aeroporto de Santiago - Rosalía de Castro.
“Por denunciar situacións laborais graves as nosas representantes nesta empresa levan anos a sufrir represalias que son unha e outra vez desoídas pola dirección de ENAIRE”, explicou o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón no decurso da mobilización. Unha situación a raíz da que “o noso labor sindical vese sistematicamente entorpecido”, denunciou.
Pavón sinalou que no pasado, cando desde a CIG se solicitaba información, contestábase con normalidade. Mais denunciou que porén, “a raíz de denunciar a situación laboral, os responsábeis da empresa comezaron a indicar que tardarían máis en respostar porque entregábamos as nosas solicitudes en galego”.
Inspección de Traballo
Por eses retrasos inxustificados a CIG acudiu á Inspección de Traballo que emitiu unha acta que respaldaba o uso do galego como lingua cooficial e obrigaba a empresa a atendelos igualmente.
Porén, no canto de atender as solicitudes da CIG, desde este pronunciamento da Inspección de Traballo “a dirección de ENAIRE tomou directamente a decisión de non respostar os nosos escritos. A única resposta é solicitar que llos traduzamos para poder contestalos. A situación chegou a tal punto que neste momento dúas delegadas da CIG teñen aberto un expediente onde se lles acusa, nada menos, que de acoso laboral ascendente”, denuncia.
Nos escritos que se lle entregaron á empresa nos últimos tempos, solicitábase diversa información sobre a prevención de riscos e saúde laboral relacionados directamente coa covid-19; sobre os equipos informáticos necesarios para o teletraballo “que non dan chegado malia estar comprometidos hai meses”; sobre a limpeza e desinfeccións das instalacións ou sobre as quendas de traballo. “Información básica que lle está a ser negada á nosa central sindical e polo tanto aos traballadores e traballadoras de ENAIRE ás que representamos como sección sindical e no Comité de Empresa”.
Diante desta situación Pavón pregúntase “a quen pretende convencer a dirección de ENAIRE de que non poden descifrar o galego para atender as nosas solicitudes?”. O representante da FGAMT-CIG Compostela cuestiona “como pode ser que unha empresa gaste diñeiro público nun despacho de avogados privado para investigar traballadoras e non teña medios para atender unha solicitude por estar escrita en galego” e aínda vai máis alá poñendo en cuestión que unha empresa pública “incumpra abertamente as resolucións da Inspección de Traballo”.
Pavón adianta que desde a CIG non se vai permitir esta situación que impide realizar o labor sindical e “moito menos as represalias e a represión contra as nosas representantes”. Por iso iniciou xa unha campaña de denuncia pública e xudicial “contra esta situación impropia nunha empresa que depende directamente do Goberno español e cuxos responsábeis máximos son de designación política”.