Concentración en demanda da readmisión dunha camareira de piso despedida por defender os seus dereitos
A CIG-Servizos de Compostela iniciou este mércores, cunha concentración diante do Hotel EXE Área Central, unha campaña de denuncia pública da situación de explotación das traballadoras da limpeza dos hoteis da capital de Galiza. Escolleu precisamente este establecemento porque o hotel vén de despedir a unha traballadora que prestaba servizos a través dunha subcontrata (GRUPO CONSTANT) como camareira de pisos.
A CIG-Servizos exixe a readmisión desta traballadora, que foi despedida como represalia por ter participado en mobilizacións pola defensa dos seus dereitos e por ter estado de baixa uns días antes de que se lle comunicara esa decisión.
“Exiximos ás cadeas, hoteis e empresas de alugueiro de pisos turísticos que están a traballar con empresas subcontratadas para prestar o servizo de limpeza nos seus establecementos, que asuman a este persoal nos seus cadros de persoal con aplicación do convenio provincial de hostalería como corresponde, xa que esas empresas veñen aplicando condicións salariais, laborais e sociais moi inferiores ó establecido nese convenio, traballando en ocasións a "destajo", cobrando unha cantidade por habitación que limpan, unha práctica propia do século XIX”, afirman.
A CIG-Servizos exixe tamén que os salarios e condicións laborais sexan, en todo caso, as do convenio. Nese sentido subliñan que “non podemos escoitar máis que este colectivo necesita que regule a súa situación, porque xa está regulada no convenio provincial. Son as empresas hoteleiras as responsables de que ese se aplique, e se non o fan, son culpables”.
Denuncian ademais que as administracións públicas con competencias en materia de turismo venden continuamente o medre dos resultados desa actividade (máis turistas, máis gasto...) e que “miren para outro lado ante unha explotación tan evidente”.
A campaña inciada hoxe no Hotel EXE Área Central irá trasladándose á porta de todos os hoteis de Compostela nos que haxa empresas externas que incumpren o convenio de hostelaría.