Concentración en Compostela contra a indecente proposta da Xunta de subvencionar caixeiros
En plena conflitividade laboral motivada polos ERES derivados do proceso de reconversión do sector bancario, a Xunta de Galiza aprobou o pasado xoves, día 17 de xuño, subvencionar as entidades bancarias con diñeiro público para instalar caixeiros automáticos e contratar axentes financeiros, incentivando así os peches de oficinas e, polo tanto, os despedimentos. Por iso a CIG-Banca convoca, para o vindeiro martes día 29 de xuño, entre as 11:00 e as 12:00 horas, unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, en Compostela.
O Consello da Xunta autorizaba o pasado xoves, día 17 de xuño, o gasto de 2. 883.600 euros para as anualidades 2021 a 2025 para “incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (prioritariamente nos concellos sen entidade financeira no seu territorio).
Os ERE de BBVA e Caixabank destruirán preto de 12.000 empregos. O Santander está aplicando outro que contempla o despedimento de máis de 3.500 persoas e a subcontratación de 1.100. O persoal afectado por estes despedimentos colectivos estase mobilizando e nese contexto a Xunta de Galiza adopta esta decisión “indecente” que premia coa transferencia de máis recursos aos responsábeis de deixar sen servizos financeiros á poboación.
A CIG-Banca afirma que a marxinación financeira é un feito, non só no rural e advirte de que cada vez máis barrios e zonas periurbanas “sobre todo en función da renda e da rendibilidade como cliente para o banco, ou agora pola fenda dixital”.
Denuncia que, no canto de presionar ás entidades financeiras que operan en Galiza e ao goberno de Sánchez para obrigar ás entidades a que garantan os servizos, a Xunta non só favorece, senón que mesmo premia cunha subvención, o peche de oficinas, a redución de servizos á cidadanía e a destrución de emprego.
A CIG-Banca lembra que foi precisamente a Xunta de Galiza, e nomeadamente o Partido Popular, os máximos responsables da actual situación do sistema financeiro galego como impulsores do proceso de concentración e privatización dun sector ao que se lle segue transferindo diñeiros público cando teñen beneficios multimillonarios.
Por iso a CIG-Banca exixe a retirada do acordo do Consello da Xunta e chama á mobilización convocada para o vindeiro martes en Compostela porque “non podemos tolerar que bancos con beneficios multimillonarios despidan grazas ás reformas laborais do PSOE e do PP e aínda por riba Feixó lles pague por facelo.