Concentración en Barti Servicios en defensa dos empregos e para coñecer a situación da empresa
A CIG realizou unha concentración este venres diante das oficinas de Barti Servicios (Compostela), para esixir información concreta sobre a situación da empresa e o posíbel despedimento de todo o seu actual cadro de persoal, formado por unhas 45 traballadoras. Barti Servicios dedícase á atención sociosanitaria a domicilio e a realización de tarefas domésticas e estes días comezou a remitir cartas aos usuarios e usuarias comunicándolles que a partir do 31 de decembro deixará de prestarlles servizos.
Esta decisión podería desembocar no despedimento das traballadoras, ás que, a estas alturas, a empresa aínda non trasladou ningunha información nin sobre o abandono dos servizos, nin sobre o seu futuro laboral.
Dende a CIG-Servizos de Santiago explican dende hai un tempo a empresa comezou a pagar as nóminas con atraso (algo que nunca antes ocorrera) e incluso nos últimos meses o abono dos salarios fíxose de maneira fraccionada, mais en ningún momento comunicou ao persoal a intención de cesar na súa actividade.
A CIG-Servizos chama a atención sobre o feito de que Barti Servizos está relacionada coa asociación Thaismon (dedicada á atención a comunidades relixiosas) e incluso se produce confusión entre as dúas entidades, xa que as persoas encargadas de organizar o traballo nunha e noutra empresa son as mesmas e "as traballadoras, dependendo de quen sexa o usuario ou usuaria, acoden á traballar en nome de Barti ou de Thaismon".
Para aclarar esta situación, coñecer as intencións da empresa e defender a continuidade dos empregos, a CIG-Servizos convocou esta primeira concentración e non descarta levar adiante outro tipo de accións se Barti Servicios non atende as demandas das traballadoras.