Concentración en apoio a un compañeiro da CIG xulgado pola súa participación nunha protesta contra os recortes
Este venres a CIG desenvolveu unha concentración diante dos xulgados de Ferrol en solidariedade e apoio a un compañeiro que inxustamente está sendo xulgado pola súa participación nunha protesta no Hospital Arquitecto Marcide contra as políticas privatizadoras do PP. A Unión Comarcal da CIG de Ferrol demanda que se arquive a causa por "inxusta e inxustificada".
O compañeiro Santi, que foi delegado da CIG, acudía aos xulgados acusado dun delito de atentado e outro de lesións á autoridade, con petición de pena de tres anos de prisión por parte da acusación particular. Aínda que finalmente o delito de atentado foi retirado, si se mantivo o de lesións.
Hai que lembrar que, nun inicio, xunto ao compañeiro Rafa da CIG-Administración, ía ser xulgado por unha falta, mais a vista adiouse ao presentárase un parte de lesións a un policía. E mentres a Rafa se lle mantivo o proceso por desordes públicos (que quedou desestimado), Santi tivo que acudir esta mañá aos xulgados acusado dun delito de atentado e lesións.
Persecución sindical
Para o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, este xuízo derívase "dunha lectura máis que estrema da Lei Mordaza". Entende que estamos ante un intento de persecución e criminalización da mobilización social e nomeadamente contra da CIG e o sindicalismo contestario e non entreguista que practica.
Neste senso, Grandal lembrou que durante a protesta unha traballadora do hospital sufriu lesións nun dedo pola actuación da policía e co parte médico na man presentou unha denuncia no xulgado que quedou arquivada. "Non obstante, por unhas lesións iguais ou moi similares, o xulgado admite a denuncia do policía e o compañeiro tense que enfrontar a este proceso xudicial". censura.
A acusación de lesións sorprende máis cando nas imaxes dun vídeo da protesta vese, precisamente, ao compañeiro coas mans metidas nos petos e sendo empurrado fóra do hospital por un policía.
Protesta contra os recortes na sanidade
Os feitos aos que se refire a denuncia aconteceron en febreiro de 2014, no marco dunha protesta contra os recortes na sanidade realizada no Hospital Arquitecto Marcide, coincidindo coa visita da entón conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. Finalmente, as persoas que participaban na protesta foron desaloxadas pola policía autonómica e, xa fóra do edificio, continuaron coa mobilización contra as políticas sanitarias do Partido Popular no exterior do centro hospitalario.
Entre mentres chegaron 15 efectivos máis, desta volta da Policía española, e procederon a solicitar a identificación de todas as persoas presentes na concentración. Porén, dous compañeiros da CIG de Ferrol que non se identificaron foron trasladados á comisaría onde permaneceron retidos preto de catro horas.