Concentración en Abanca polo dereito a conciliar e contra a discriminación salarial

Nacional - 28 Xan 2025

A sección sindical da CIG en Abanca concentrouse este martes diante da oficina principal da entidade na Coruña para denunciar a vulneración dos dereitos de conciliación do persoal, contra a fenda salarial e a negativa da empresa de renegociar o plan de igualdade para corrixir as desigualdades.

Denunciaron que a empresa denega e pon atrancos as persoas traballadoras para que poidan trasladarse, acceder ao teletraballo ou adaptar a súa xornada, malia que así o dispón o artigo 34 do ET. Xunto a isto, Abanca é a única entidade que non aplica os horarios do convenio, e ten os horarios máis amplos e a maior flexibilidade, dificultando así a conciliación.

A representación da CIG denuncia que a empresa mantén a persoas con cargas familiares "en oficinas a lonxe do seu domicilio, mentres ten postos máis preto cubertos de maneira permanente con contratos temporais".

Ademais de non facilitar eses traslados a oficinas máis próximas, a empresa tampouco permite teletraballar polas tardes na rede de oficinas, obrigando a reducir a xornada para poder conciliar. Esta negativa, subliñan, afecta de xeito especial as traballadoras xa que seguen a ser elas as que maioritariamente asumen as tarefas de coidados.

Porque a empresa tampouco permite adaptar a xornada "agás que sexa nunha banda horaria prefixadas polo banco, aínda que non sexa a que a persoa precisa". A sección sindical da CIG criticou que as persoas traballadoras que solicitan adaptacións ou reducións teñen que enfrontarse á burocracia da empresa "que só busca desanimalas", contando con que moitas compañeiras, para evitar problemas e por medo a represalias laborais, renunciarán aos seus dereitos e non acudirán á vía xudicial. 

Sobre as desigualdade salariais, a sección sindical advirte que Abanca subiu un 30% máis o complemento variábel dos postos máis masculinizados,a pesar de que previamente se detectara neste complemento nunha posíbel discriminación. A máis abundar, tamén incrementou un 2% un complemento fixo dos postos maiormente ocupados por homes (SMG).

Xunto a isto, rexeitan que a empresa se negue a revisar o impacto en materia de igualdade das súas medidas, como recolle a normativa vixente, malia que iniciou dous procesos de modificación substancial das condicións laborais (que afectaron á carreira profesional, aos salarios e aos horarios) e que se produciu unha fusión e un ERE de extinción. 

"O único que pedimos é que se avalíen as medidas salariais que poden ser discriminatorias e que se facilite ás persoas traballar e conciliar", aseveran. Con medidas tan obvias como facilitar o acceso aos postos dispoñíbeis máis próximos (para evitar grandes desprazamentos diarios), que se permita teletraballar pola tarde na rede como se fai noutros departamentos do banco; ou poder adaptar o horario cando se necesite.