Concentración do persoal da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias, 061, e Grupo Norte o vindeiro luns en San Marcos

Coincidindo coa data na que o persoal de atención de chamadas retoma a folga
Nacional - 07 Set 2018

O persoal estatutario da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias, 061, en folga indefinida desde hai máis de un mes, e o persoal de atención de chamadas do Grupo Norte, que retoman a folga diante da falta de acordo coa empresa, teñen convocada unha concentración para o vindeiro luns día 10 de setembro, ás 12:00 horas diante das dependencias da CRTVG, en San Marcos.

As traballadoras e os traballadores de Grupo Norte realizaron unha nova convocatoria de folga logo de que desconvocaran o paro no mes de agosto, tras abrir a empresa un proceso de negociación que fracasou.

Proposta insuficiente da administración

O pasado día 4 o SERGAS e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias convocou a unha xuntanza a Xunta de Persoal para falar sobre o traslado á Estrada. Segundo explica o presidente da Xunta de Persoal e do comité de folga, Mario Otero, nesa xuntanza a administración volveu presentar a mesma oferta de compensación e de condicións de traslado que presentara no mes de xuño, sen cambio algún. Proposta que foi rexeitada polas traballadoras e traballadores por considerala insuficiente.

Otero sinala ademais que as/os representantes da administración subliñaron que, en todo caso, parte dese acordo estaba vinculado á Lei de Orzamentos que se está elaborando nestes momentos. Pedíusenos unha resposta nun prazo curto de tempo. Tamén ofreceron máis datos sobre o plan de traslado da central de coordinación que terá lugar o día 2 de outubro na quenda de noite.

Discrepancias

Os puntos nos que máis discrepancias hai son, segundo Otero, que se recoñeza o tempo de traslado como tempo traballado e que o importe económico da compensación se axuste á realidade dos gastos que vai ocasionar. A administración oferta 140€ por 12 meses, cando os gastos de ir e vir á Estrada andan xa polos 250€ nun só mes.

Por iso manteñen as mobilizacións e a folga á que desde o luns vólvense sumar as traballadoras e traballadores do Grupo Norte.