Concentración da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública no Parlamento
A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública fai un chamamento á comunidade universitaria a participar na concentración convocada para mañá martes, día 25 de maio, ás 11:00 horas, diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate e toma en consideración do proxecto de lei para a creación da universidade privada vinculada a Abanca, que conta co respaldo da Xunta de Feixó. Unha medida coa que se abriría a tramitación da lei no Parlamento que, tras os debates da emendas en comisión, podería aprobarse finalmente en pleno antes do verán se o PP pretende acelerar os prazos para evitar a resposta social.
As organizacións sindicais, profesionais e estudantís que conforman a Plataforma crítican o proceso iniciado polo goberno Feixó, en contra das tres universidade públicas que conxuntamente se pronunciaron na defensa do carácter público dos estudos superiores.
Consideran que en Galiza non é necesaria unha universidade privada e que a ampla oferta académica do SUG, cunha importante especialización nos diferentes campus, responde perfectamente a demanda existente e onde non chega é simplemente polas limitacións fixadas pola Xunta.
Fronte a privatización da universidade da man da entidade financeira Abanca, defenden a equidade social nos estudos superiores.
Mobilizacións o 2 de xuño en todos os campus
A Plataforma ten previstas novas concentracións contra este proxecto para o mércores día 2 de xuño as 11:00 horas, desta volta nos 7 campus.
Santiago de Compostela. Reitoría da USC. Praza do Obradoiro.
Lugo. Biblioteca Intercentros. Rúa Bernardino Pardo Ouro.
A Coruña. Facultade de Informática. Campus Universitario de Elviña.
Ferrol. Vicerritoría Ferrol. UDC. Rúa Doctor Vázquez Cabrera
Vigo. Reitoría da UVigo. Campus Universitario de Vigo. As lagoas, Marcosende.
Pontevedra. Facultade de Ciencias Sociais. Campus Universitario da Xunqueira,
Ourense. Facultade CC Educación e Facultade de Historia. Campus As Lagoas, Edificio de Ferro.
A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública está composta polas tres organizacións sindicais con representación nas tres universidades galegas (CIG, CCOO e UGT), así como polas organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes.
Tamén forman parte da Plataforma Traballadores Galegos da Universidade (TGU), A Trabe Colectivo Nacionalista do PAS da USC, CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Grupo Común da Esquerda, Galiza Nova e BRIGA.